O aumento da pobreza e das desigualdades no 2021, por María Loureiro
OPIINÓN
O aumento da pobreza e das desigualdades no 2021, por María Loureiro
A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social presentou o seu informe anual O estado da pobreza, que fai un seguimento en profundidade e unha avaliación minuciosa dos indicadores de pobreza e exclusión social en España e as súas comunidades autónomas.
Este ano, os resultados, moi pouco alentadores, poñen de manifesto o aumento da pobreza a partir da pandemia, que nos afasta considerablemente dos obxectivos marcados pola Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, no que se propón como obxectivo a reducción nun 50 % da taxa da pobreza dende o ano 2015 ata o ano 2030.
Que nos di o informe do estado da pobreza do 2022?
O informe indica que no ano 2021, un total de 13,1 millóns de persoas en España, é dicir, o 27,8 % da poboación, están en risco de pobreza e/ou exclusión social (AROPE). Isto implica un aumento de case un punto porcentual respecto ao ano anterior, unha cifra que supón unha continuación da tendencia ascendente a partir da crise da COVID-19.
En termos absolutos, unhas 380.000 novas persoas entraron en risco de pobreza ou exclusión social este último ano 2021.
No que respecta á súa definición, a taxa de pobreza ou exclusión social (AROPE) identifica as persoas que se atopan nalgunha destas situacións:
- En risco de pobreza, que teñen ingresos baixos con respecto á poboación total, de xeito relativo.
- Que sofren unha carencia material e social severa (implica que por exemplo, ao mellor non poden mercar peixe ou carne cada dous días, non poden coller unha semana de vacacións ao ano, tiveron problemas para pagar recibos de luz e hipoteca, e outros).
- Ou que teñen baixa intensidade de emprego, e dicir, que relacionando o número de meses traballados nun ano polos membros do fogar é inferior ao 20 % do número total que potencialmente poderían ter traballado.
No que respecta á avaliación da Axenda 2030 dos obxectivos de desenvolvemento sustentable para cumprir o obxectivo especificado no caso español, é necesario reducir a taxa ao 11,1 % (a metade do 22,1 % rexistrado en 2015) nos 15 anos de duración da axenda, que está moi lonxe do alcanzado 0,9 % en todo o período.
O informe tamén pon de manifesto a gran desigualdade territorial que reflicte non só a taxa AROPE senón practicamente todos os indicadores que pobreza e desigualdade computados. Neste sentido, o informe mostra unha España dividida en dúas metades, nas que as rexións do norte presentan índices relativamente baixos de indicadores de pobreza e exclusión social e as comunidades autónomas e as cidades do sur, pola súa banda, presentan taxas moi elevadas. Proba disto é que Galicia rexistra un 25,2 % de persoas en condición de pobreza ou exclusión social, fronte ao 27,8 % nacional, e Andalucía un 38,7 %.
O informe tamén caracteriza os fogares máis vulnerables, os que teñen nenos/nenas e adolescentes, os fogares monoparentais e os de persoas maiores. E todo isto acontece na semana en que a Xunta de Galicia presenta os seus orzamentos para o ano 2023, que ascenden a 12.620 millóns, cun aumento significativo do gasto social. En concreto, máis de 9.000 millóns irán destinados a dotación de servizos públicos, educación, sanidade e política social e emprego, e aumentan tamén as axudas a rendas baixas e medias, e sobre todo, a persoas en risco de exclusión social. Entre as accións previstas, aumenta a cobertura do bono social térmico e eléctrico, segue a gratuidade das escolas infantís de cero a tres anos e a conxelación dos prezos dos comedores, entre outras.
En definitiva, oxalá os fogares con dificultades se vexan aliviados con estas transferencias e outras. Pois o que é obvio é que o chamado “gasto social” é un moi bo “investimento social”.