España é o terceiro país da UE con maior taxa de pobreza e exclusión social, por María Loureiro
OPINIÓN
España é o terceiro país da UE con maior taxa de pobreza e exclusión social, por María Loureiro
Na comparativa por países, España pasou de ser o cuarto país con maior taxa AROPE (At risk of poverty) a ser o terceiro, só por detrás de Romanía (32,0 %) e Bulgaria (30,0 %), superando a Grecia. Este dato vai en liña co aumento da poboación en situación de pobreza e/ou exclusión no noso país, que pasou do 26 % en 2022 ao 26,5 % en 2023 e alcanza xa 12,7 millóns de persoas segundo o XIV Informe sobre o Estado da Pobreza en España presentado o pasado 4 de xuño pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español.
En canto aos colectivos, o risco de pobreza e/ou exclusión social foi maior en toda a UE para as mulleres que para os homes (22,3 % fronte a 20,3 %), para as persoas mozas máis que para as persoas de mediana idade ou maiores, para quen presenta un baixo nivel educativo (en lugar daquelas cun nivel educativo medio ou superior) e, en particular, para as persoas desempregadas. Os fogares con fillos a cargo tenden a estar en peor situación económica e, sobre todo, a situación é máis preocupante no caso dos fogares monoparentais, con máis da metade (52,7 %), segundo o citado informe. Finalmente, o segmento de persoas de 65 anos e o que máis se incrementa sistematicamente: desde 2008 a 2023 pasaron de 7,5 a 9,7 millóns. A poboación maior rexistra mellores resultados nos diferentes indicadores de pobreza e exclusión social que os valores medidos para a poboación xeral. Dentro das distintas posibles explicacións, podemos destacar as seguintes: a situación laboral foi unha das principais características socioeconómicas que incidiron no risco de pobreza ou exclusión social. En 2023, mentres que o risco de pobreza ou exclusión social na UE era do 11,3 % para as persoas ocupadas e do 18,7 % para xubiladas, era de case dous terzos (66,3 %) para quen se atopaba en situación de desemprego. Debemos indicar que temos unha taxa de desemprego en España que segue sendo das máis altas da UE, de ao redor do 14 %. Por outra banda, en canto ao emprego feminino, cabe destacar que as mulleres en España afrontan unha fenda salarial persistente. En 2023, gañaban aproximadamente un 15 % menos que os homes.
Un factor moi relevante foi o alto custo de vida e vivenda. En 2023, a inflación en España pechou en 3,1 %, unha cifra que confirma a moderación no encarecemento dos alimentos. A inflación subxacente, que exclúe alimentos non elaborados e enerxía, situouse en 3,8 %. Isto representa unha diminución significativa en comparación co 8,4 % rexistrado en 2022. Mais, a inflación no grupo de alimentación en España foi do 11,7 %. Os alimentos elaborados aumentaron aínda máis os seus prezos, cunha taxa de variación media do 13,3 %, mentres que os alimentos frescos tiveron un incremento do 9,3 %. O aceite de oliva foi un dos alimentos elaborados que máis incrementou os seus prezos, cun 44,4 % de aumento. Doutra banda, as patacas foron o alimento fresco cuxos prezos aumentaron máis, cun 19,3 %. E por se isto fose pouco, os prezos da vivenda en España aumentaron significativamente nas últimas décadas. Isto afecta especialmente aos mozos e a quen busca comprar unha casa ou alugar.
Pero ademais dos efectos económicos mencionados, cabe enumerar o feito de que as políticas sociais existentes quizais necesiten reformas significativas para mellorar a súa eficiencia. As políticas sociais que se aplican en España para loitar contra a pobreza baséanse maioritariamente, segundo indican os expertos en axudas aos que cotizan ou cotizaron recentemente, en cando o núcleo duro da pobreza queda directamente excluído de moitas das mesmas. Tamén faltan políticas de apoio á vivenda e doutros servizos básicos, de forma que sexan preventivas e teñan un impacto antes de que os afectados pasen a engrosar a porcentaxe de persoas pobres ou de risco de exclusión social. Aínda así, para 2023, resulta que a acción das administracións do Estado mediante a totalidade de transferencias, incluídas as pensións, consegue reducir a taxa desde o 42,6 % ata o 20,2 %, é dicir, retira da pobreza un total de 10,6 millóns de persoas. En resumo, a pobreza e a exclusión social en España están relacionadas coa economía, o emprego, a educación, a saúde e as políticas gobernamentais. Como recoñecen os autores do informe citado ao comezo, abordar estes problemas require medidas integrais e un enfoque multidisciplinario, pero urxentes.