O avance das velutinas na provincia de Ourense
O avance das velutinas na provincia de Ourense
Nun niño de velutinas pode haber ata 15.000 obreiras e unhas 300 raíñas
Os apicultores detectan a presenza de moitas máis velutinas cada ano e os servizos de emerxencia, un incremento exponencial nas chamadas para a retirada dos niños.
As trampas semellan ser o método máis efectivo polo de agora para protexer as colmeas, e a elas recorren para evitar que a situación polo menos non vaia a máis. Nun niño de velutinas pode haber ata 15.000 obreiras e unhas 300 raíñas.
Javier colocou trampas para velutinas nas 25 colmeas que ten en Nogueira de Ramuín.
"O quedar atrapada nesta rede o que tende é a subir, e o intenta subir entra dentro deste cono, que ten un cono interior onde entra a velutina pero despois xa non pode saír".
Cada dez días ten que vir ata aquí para baleiralas. En cada unha delas hai máis de 200 velutinas. cincocentas se suma as que aparecen en trampas coma estas.
"Non é tanto o mellor a abella que comen senón a abella que non deixan traballar. A abella pouco a pouco vai sendo máis feble, non crían, non hai renovación, o final a velutina acaba entrando dentro da colmea e acaban coméndoas. Estas trampas o que fan é eliminar as avespas que van buscando abellas para alimentar o niño. o que vas conseguindo é eliminar un pouco de presión, o niño non crece, eliminas alimentadoras e as abellas empezan a traballar algo", explica Javier Seijo, Técnico da Agrupación Apícola de Galicia.
Rubén é apicultor de alta montaña en Manzaneda e Chandrexa de Queixa. Tamén alí, nunha das zonas máis altas da provincia de Ourense, detectouse un aumento da presenza das velutinas.
"Por moito que o principio se dicía que as zonas de alta montaña parecía que a velutina non ía chegar xa empezamos a ter problemas. Eu levo sete anos como apicultor e dende hai cinco xa trampeo en primavera e collía da orde de cinco ou seis raíñas, pero agora parece que os invernos máis cálidos que están vindo permiten que se expanda a praga. Este ano por exemplo xa chegamos a recoller entre eu e algúns veciños que facemos trampeo colectivos, da orde de duascentas raíñas en primavera", conta o apicultor Rubén Fernández.
E non só no rural, tamén nas cidades. Os bombeiros de Ourense reciben unha media de doce chamadas diarias para a retirada de niños.
"A gravidade é o avance que están tendo, cada niño saen cento e pico raíñas, non todas formarán un niño que vaia adiante, pero si un número importante entón xa hai que pensar máis na prevención que a solución coa retirada", indica Nicanor Muñoz, sarxento dos Bombeiros de Ourense.
A Xunta retira uns oito mil niños de velutina o ano pero a súa capacidade de expansión é moito maior. Coidan que a solución sería atopar algo que consiga eliminalas antes de que formen os niños, porque moitos son detectados cando empezan a caer as follas, pero entón xa é demasiado tarde. O trampeo semella ser polo de agora a única alternativa pra tentar frear o seu avance.