Publicador de contidos
Publicador de contidos

O AVE completa a primeira viaxe entre Madrid e Ourense

O AVE completa a primeira viaxe entre Madrid e Ourense

O tren realizou a primeira viaxe en probas en dúas horas e quince minutos

A partir deste martes póñense á venda os billetes para os trens comerciais que xa circularán a partir do 21 de decembro

Case 300 km/h para poder ir e volver no día

Primeiro tren AVE chegando á estación de Ourense
G24.gal 22/11/2021 13:14

O tren de alta velocidade completou este luns a súa primeira viaxe en probas entre Madrid e Ourense nun tempo de pouco máis de dúas horas e quince minutos (saíu de Chamartín ás 8:45 horas e chegou á estación ourensá ás 11:04 horas, con paradas en Zamora e Seabra para recoller autoridades).

En Ourense, a ministra de Transportes Raquel Sánchez anunciou que a viaxe inaugural se realizará o vindeiro luns 20 de decembro e dixo que a partir do día seguinte, martes 21, comezarán a circular os trens comerciais, para os que se poderán adquirir billetes desde este martes 23 de novembro.

Aproveitando a estrea da liña, Renfe vai realizar unha promoción. Vai poñer á venda 250.000 billetes a un prezo de 15 euros, independentemente da orixe e do destino e en trens AVE e Alvia. Esta promoción estará vixente dúas semanas, e os billetes que se adquiran serán válidos para viaxar entre o 21 de decembro, que é o día que se estrea o AVE a Madrid para o público, e o 12 de setembro do ano que vén.

A posta en servizo do novo treito Pedralba-Ourense, de máis de 119 quilómetros, supón, dixo a ministra, o tiro de saída á circulación comercial cunha nova oferta de servizos que "reducirá os tempos de viaxe e mellorará a conexión de Madrid con todas as provincias galegas".

Sánchez considerou un "fito histórico" esta viaxe de probas e, o definitivo, "moi pronto" será unha realidade. 

Raquel Sánchez e Alberto Núñez Feijóo xunto á presidenta do Adif Isabel Pardo de Vera e o presidente de Castela e León Alfonso Fernández Mañueco Raquel Sánchez e Alberto Núñez Feijóo xunto á presidenta do Adif Isabel Pardo de Vera e o presidente de Castela e León Alfonso Fernández Mañueco

Faltan por enlazar o resto das cidades galegas. Para iso é preciso usar uns trens específicos, os chamados Avril, que estarán dispoñibles no verán. 

Alberto Núñez Feijóo pediu que se instalen antes se é posible, e adiantou que os autobuses se adaptarán ás novas liñas de tren. Tamén dixo que a insistencia de Galicia fixo posible que o AVE chegase á nosa comunidade autónoma.

"Seis ministros, catro presidentes acreditaron que alta velocidade non era un capricho dos galegos, senón unha necesidade do noroeste e de España", dixo Núñez Feijóo.

As frecuencias diarias entre A Coruña, Santiago e Ourense con Madrid van pasar de seis a dez; en Vigo, de catro a oito; en Pontevedra, de catro a sete, e en Lugo, de tres a catro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade