Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os Avril estenden desde este martes a alta velocidade en Galicia

Os Avril estenden desde este martes a alta velocidade en Galicia

A viaxe á Coruña queda nas tres horas e media e a Vigo en pouco máis de catro

Haberá catro frecuencias diarias, dúas por sentido, entre Madrid-Vigo e Madrid-A Coruña, con paradas en Pontevedra, Vilagarcía e Santiago

Rueda reunirase o xoves co ministro de Infraestruturas luso polo AVE Lisboa-Vigo

Novo tren Avril en probas en Galicia Novo tren Avril en probas en Galicia
G24.gal 19/05/2024 16:32 Última actualización 20/05/2024 22:03

Os trens de alta velocidade encargados por Renfe a Talgo en 2016 comezarán a operar en servizo comercial en Galicia desde este  martes.

O AVE que completa o percorrido entre Madrid e A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía será por fin unha realidade este martes 21 de maio, despois de máis de tres anos de atrasos na entrega das unidades do Avril por parte de Talgo.

Os novos convois van ofrecer aos pasaxeiros máis prazas e prestacións a destinos que ata o de agora non estaban conectados pola alta velocidade. O servizo do AVE desde 2021 chegaba en Galicia só ata Ourense.

Agora haberá catro frecuencias diarias, dúas por sentido nos enlaces de Madrid-Vigo e da capital coa Coruña.

Coa incorporación dos Avril, Renfe pasará a ofrecer máis de 39.000 prazas semanais nos servizos de alta velocidade (14.000 de AVE e o resto de Alvia) entre Galicia e Madrid.

Avlo

A oferta de frecuencias non é fixa e adaptarase á demanda ata o remate dos horarios definitivos coa fin das obras na estación de Madrid-Chamartín en xullo. Permitiralle á operadora dispoñer de máis dereitos de viaxe de alta velocidade. E vai ser o momento do lanzamento do servizo en Galicia dos AVLO, que non son outros que os trens de baixo custo de Renfe para alta velocidade.

Os Avril van poder circular desde o martes a 300 quilómetros por hora tanto nas vías de ancho estándar como nas de ancho ibérico, unha versatilidade que converte a tecnoloxía de Talgo en única no mundo.

Desde mediados de xullo Renfe porá un tren máis desde Vigo e A Coruña e nos dous sentidos. A comezos de outubro, cando está previsto que comecen a funcionar os Avlo, haberá doce servizos por sentido entre Galicia e Madrid, e todos con trens Avril, agás Lugo-Madrid, con Alvia e Ourense-Alacant (AVE S-112).

A entrega das novas unidades que entrarán en servizo en Galicia e Asturias estaba prevista para xaneiro de 2021 para operar desde ese verán, pero sucesivas demoras fixeron que o calendario arrancase en abril de 2024, despois de tres anos e medio de incumprimentos de prazos, polos que Renfe lle reclama a Talgo unha indemnización de 166 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade