Publicador de contidos
Publicador de contidos

O balneario de Guitiriz reabre as súas portas tras seis anos pechado

O balneario de Guitiriz reabre as súas portas tras seis anos pechado

No complexo termal traballan medio cento de persoas, a maioría veciñas da zona

Félix Aragunde 11/05/2023 14:19

O balneario de Guitiriz volveu abrir as súas portas tras permanecer pechado durante os últimos seis anos. O establecemento, que data de comezos do século XX, foi rehabilitado de forma integral para esta reapertura.

Tamén se restauraron a fonte de San Xoán ou a mesquita, cun investimento total de 8.500.000 euros. Tocante ao hotel, ofrécelles máis dun cento de cuartos aos seus hóspedes.

"Foi un ano e medio dunha reforma practicamente integral. A estrutura do edificio mantense, pero houbo que reformar todas as instalacións, que se melloraron a nivel enerxético, mantendo a esencia do balneario", explica Ana Lago, directora do hotel balneario de Guitiriz.

"Retomamos toda a actividade que tiña no seu momento, coas técnicas que xa se aplicaban, coma as inhalacións ou as terapias corporais e faciais", relata Antonio Freire, director médico do balneario.

O complexo termal conta con varias piscinas, que tamén foron reformadas. Dálle emprego a un cadro de persoal integrado por case medio cento de persoas, a maioría veciñas de Guitiriz e arredores.

"Eu xa estivera quince anos traballando na outra etapa e agora fun seleccionada. Estamos collendo xente nova, con ou sen experiencia, e ímola formando", di a gobernanta do hotel, Belén González Roca.

"Enviamos os currículos, fóronnos chamando, fixéronnos a entrevista e aquí estamos", conta Tania, unha das traballadoras.

Para a reapertura do campo de golf haberá que agardar un chisco máis. Esta parte do complexo, que en total ocupa preto de cinco hectáreas, abrirase ao público a comezos do verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade