Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BCE multa con 3,1 millóns a Abanca por non informar a tempo dun ciberataque

O BCE multa con 3,1 millóns a Abanca por non informar a tempo dun ciberataque

O BCE subliñou que esta multa non contempla ningunha valoración da solidez dos sistemas informáticos de Abanca

A entidade galega ten a opción de recorrer esta sanción ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea

G24.gal 16/12/2022 19:58

O Banco Central Europeo (BCE) acordou multar con 3,145 millóns de euros a Abanca por non informar nos prazos establecidos de que sufrira un ciberataque, segundo informou a autoridade supervisora nun comunicado este venres.

De acordo coas normas do BCE, os bancos deben informar dos ciberataques nun prazo máximo de dúas horas após ter coñecemento de que se produciron.

En concreto, Abanca foi obxectivo dun ciberataque aos seus sistemas informáticos en febreiro de 2019 que provocou que se infectasen cun 'software' malicioso.

Pasaron 46 horas da data límite

En resposta, Abanca suspendeu todos os servizos bancarios de Internet e móbil, así como os servizos en caixeiros e os servizos de pagos vía Swift.

Abanca tivo coñecemento deste incidente o 26 de febreiro de 2019, pero non remitiu o informe do incidente ata que pasaron 46 horas da data límite.

"A omisión do banco afectou a capacidade do BCE de valorar apropiadamente a situación prudencial de Abanca e de reaccionar a tempo a outras posibles ameazas a outros bancos, o que podería ter consecuencias potenciais na reputación e a estabilidade do sector bancario no seu conxunto", indicou o BCE.

Mentres tanto, a rama de supervisión bancaria do BCE recoñeceu que Abanca atallou rapidamente os efectos do incidente, polo que a multa unicamente reflicte que rompese a obrigación de informar nun prazo de dúas horas.

O BCE subliñou que esta multa non contempla ningunha valoración da solidez dos sistemas informáticos de Abanca.

A entidade española ten a opción de recorrer esta sanción ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade