Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda defende o proxecto de Altri e di que non o autorizará se non cumpre as normativas

Rueda defende o proxecto de Altri e di que non o autorizará se non cumpre as normativas

Pontón pídelle a Rueda que rectifique e que non permita a instalación dunha "bomba ambiental descomunal" na comarca da Ulloa

O PSdeG téndelle a man á Xunta para defender en Europa os intereses de Galicia e Rueda pídelle a Besteiro que "faga forza" ante o Goberno central para acelerar a conexión por tren entre Galicia e Portugal 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control celebrada no Parlamento de Galicia (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 29/05/2024 08:36 Última actualización 29/05/2024 13:29

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu no Parlamento en defender a tramitación do proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo). Asegura que a Xunta "non (o) autorizará xamais se non cumpre escrupulosamente" con todas as normativas.

Foi na sesión de control ao Goberno galego celebrada no Pazo do Hórreo. A portavoz nacional do BNG pediulle a Rueda que escoite "aos milleiros de gallegos" que o domingo se manifestaron en Palas de Rei e contra da tramitación deste proxecto que, ao seu xuízo, supón unha "bomba ambiental descomunal" para a comarca da Ulloa.

A portavoz nacional do BNG afirma que resulta "bochornoso" e lle produce "vergoña allea" e  ver ao mandatario galego exercer "de comercial" dunha firma que busca implantar en Galicia "unha celusosa, unha bomba ambiental, que non queren en Portugal".

O presidente galego afirma que escoitará os técnicos e insiste en que o seu Goberno "non autorizará xamais" o proxecto se non "cumpre escrupulosamente" con todas as normativas.

Alfonso Rueda acusa a Pontón de "terxiversar demagoxicamente os datos" e acúsaa de "demagoxia e incoherencia¨. O presidente galego amosou no pleno unha carta escrita hai varios anos polo ex alcalde nacionalista de Ribadeo, Fernando Suárez, na que ofrecía o municipio a Altri e lembrou que o BNG apoiou "hai menos dun ano" unha iniciativa parlamentaria en favor do proxecto cando sabían "todos os datos, os mesmos que coñecen a día de hoxe.

O presidente da Xunta dixo: "Sabe (cal é) a diferenza entre o apoio incondicionado e entusiasta do BNG antes das eleccións a Altri e a oposición furibunda e con terxiversación de datos que está a facer agora? As eleccións autonómicas".

Rueda reprochoulle ao BNG que "oculte" que vai de socio de Bildu nas próximas eleccións europeas do 9 de xuño e aseverou que quen vote á súa candidatura vota "primeiro ao candidato de Bildu, despois a un de ERC e despois, se lle dá tempo, a un do BNG".

Pontón cualificou a Rueda de "escapista", por responder con Bildu e ERC ao ser preguntado por Altri, e comparou a participación do BNG na protesta contra a planta en Palas de Rei coa asistencia do presidente galego e líder o PPdeG como "palmeiro do PP máis ultra" á manifestación en Madrid o mesmo día contra a amnistía en Cataluña.

"Dime contra quen te manifestas e direiche que intereses defendes", apuntou, mentres que Rueda xustificou que foi a Madrid a defender os intereses de Galicia.

Besteiro: "Vaia a Europa, defenda os intereses de Galicia e a nosa lingua, o PSdeG vaino apoiar".

Na sesión de control ao Goberno celebrada no Parlamento, o voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediulle ao presidente da Xunta que "non faga o que facía Feijóo" e "defenda os intereses de Galicia e teña unha presenza activa en Europa"

Besteiro instou a Rueda a acudir á reunión do Comité das Rexións que terá lugar os días 19 e 20 de xullo para "defender os intereses de Galicia" e facelo ademais, en galego. O líder socialista pídelle ao presidente da Xunta que poña en valor "a importancia" que teñen os fondos de recuperación concedidos a Galicia. "Apostemos por que eses fondos continúen. Vaia a
Europa e defenda os intereses de Galicia", dixo Besteiro. "Fágao con orgullo e aproveite para defender a nosa lingua. O PSdeG vaino apoiar".

 

O presidente da Xunta recolleu a luva, ironizou sobre o uso do galego nas institucións europeas e dixo "Pensei que estaba conseguido". Sobre os fondos Next Generation asegurou que "a maioría están sen distribuir", segundo dixo, "por culpa do Goberno central" a avogou por empregar outro sistema de reparto, indicou, "que acabe coa parálise".

Rueda aproveitou para pedirlle a Besteiro que "faga forza ante o Goberno central" para que a conexión por tren entre Galicia e Portugal chegue canto antes.

Anunciou que a Xunta vai presentar un manifesto xunto a comunidade de traballo do Norte de Portugal para que Galicia e Portugal "teñan un transporte do século vinte e un" e lembrou o compromiso do ministro de infraestruturas para que a conexión de Galicia co país veciño chegue no 2032 "como moi tarde" e non queden adiadas as redes ata 2040.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade