O BNG pide que se cree unha comisión de investigación no Parlamento sobre a AP-9
O BNG pide que se cree unha comisión de investigación no Parlamento sobre a AP-9
Os nacionalistas reclaman que se investigue a privatización e a prórroga da concesión da autoestrada do Atlántico
Pontón confía en que Rueda non vete esta comisión de investigación para "tapar as responsabilidades do seu partido" pola ampliación "ilegal" das peaxes
O BNG levará ao último pleno do período de sesións na Cámara galega a súa petición para a posta en marcha dunha comisión de investigación sobre a privatización e a prórroga da concesión da AP-9.
Avanzouno este luns a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, quen afirma que neste proceso se produciron "graves irregularidades" e que o "Partido Popular actuou fóra da lei".
Pontón afirma que os populares fixeron que os galegos "paguemos as peaxes máis caras do estado para ampliar os beneficios das empresas concesionarias". Ao seu xuízo, estamos ante un "escándalo que hai que investigar caia quen caia".
A voceira nacional do BNG agarda que Alfonso Rueda, "non vete a comisión para tapar as responsabilidades do seu partido e do señor Aznar ao ampliar ilegalmente as peaxes que pagan os galegos e galegas unicamente para que as empresas amigas do PP fagan caixa a conta de Galicia".
Aínda que o regulamento do Parlamento permite de forma extraordinaria e só unha vez por lexislatura a posta en marcha dun órgano deste tipo de forma automática se así o solicitan dous grupos parlamentarios ou un quinto dos membros da Cámara -25 deputados-, o BNG opta, polo momento, pola vía ordinaria para facer esta petición.