O BNG quere "reforzar a organización" na Asemblea Nacional do 1 de decembro
O BNG quere "reforzar a organización" na Asemblea Nacional do 1 de decembro
Ana Pontón asegura que van tentar dotar o seu proxecto de "máis potencia" para "conquistar o goberno" de Galicia
O Bloque Nacionalista Galego celebrará o vindeiro 1 de decembro en Santiago de Compostela a súa XVIII Asemblea Nacional, na que buscará dotar o seu proxecto de "máis potencia" para "conquistar o goberno" de Galicia.
Anunciouno este sábado a líder da formación, Ana Pontón, na súa intervención durante o Consello Nacional, que se reuniu en Teo.
No seu discurso, dixo que esta cita permitirá afianzar a liña de traballo que levou o BNG a acadar "o mellor momento" da súa historia, xa que "sen renunciar a ningún principio do nacionalismo", conseguiron chegar a "amplos sectores da sociedade galega".
"O segundo grande obxectivo é reforzar a organización para ser máis eficaces á hora de afrontar os retos que temos por diante, porque se algo está claro é que sen organización non hai cambio e transformación do país", dixo.
Segundo sinalou, a asemblea tamén lle permitirá á formación revisar e actualizar a análise e o momento que vive o país.
"É evidente que a Galicia de hoxe non é a mesma que a de hai oito anos, cando en 2016 unha nova dirección tomou as rendas para abrir un tempo novo no BNG", sinalou nun discurso no que lembrou que o Bloque "estivo a piques de desaparecer".
Nunha intervención na que deixou claro que o avance da fronte nacionalista "non é algo puntual nin fortuíto", "senón unha tendencia de fondo sólida e potente", negouse a caer no conformismo.
"Non podemos quedarnos no logrado, senón ao contrario".
Neste senso, chamou aos seus a traballar "con humildade e sen renunciar a ningún dos principios" para "seguir avanzando con paso firme" até ser a "forza hexemónica" do país, "capaz de darlle a Galicia o futuro que merece".