Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rexeitada a proposta do BNG para o traspaso da xestión do litoral a Galicia

Rexeitada a proposta do BNG para o traspaso da xestión do litoral a Galicia

O PPdeG rexeitou a iniciativa do BNG ao considerar que é algo que xa se inclúe no proxecto de ordenación costeira aprobado pola Xunta

Os nacionalsitas ven o traspaso necesario para que a costa galega "non se goberne desde un despacho de Madrid"

O PSdeG apoiou os nacionalistas porque cren que é o proceso con "maior seguridade xurídica"

G24.gal 13/06/2023 08:04 Última actualización 13/06/2023 12:05

O PPdeG rexeitou unha iniciativa do BNG para reclamar ao Goberno central o traspaso a Galicia das funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral, ao considerar que é algo que xa se inclúe no proxecto de ordenación costeira aprobado pola Xunta, que pediu á oposición que apoie.

O debate desta proposición de lei dos nacionalistas galegos, apoiada polo PSdeG, subiu o ton do debate xa desde o inicio do pleno este martes, ao enfrontarse os partidos en clave preelectoral coas vista posta nos comicios do próximo 23 de xullo.

O deputado do PPdeG Alberto Pazos chamou o BNG "pagafantas" do Goberno central e acusouno de "tentar enganar os galegos" por presentar un "esperpento" e unha "pirueta lexislativa" que "humilla" Galicia, ao expoñer unha nova lei para facer que "se cumpra a lei vixente", en referencia ao Estatuto de Autonomía.

Para o deputado do BNG Luís Bará a súa proposición é necesaria para que a costa galega "non se goberne desde un despacho de Madrid", fronte a unha Xunta do PPdeG a que constitúe un goberno "zombi e desnortado, descabezado e sen pulso", ao que cualificou de "barco á deriva ao que abandona a tripulación, en fuga e desbandada para Madrid".

Desta maneira, referiuse á designación do vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, como cabeza de lista pola provincia de Lugo para as eleccións xerais, o que fará que teña que deixar o Goberno galego nos próximos días. Unha operación que Bará denominou "salvar o soldado Conde", parafraseando o título dunha coñecida película estadounidense.

"Fronte a esa rexión bonsai que quere ese partido liliputiense (...), desde o BNG imos construír unha Galicia digna, forte e de futuro", afirmou o deputado nacionalista, quen recriminou ao PPdeG que en catorce anos na Xunta o seu balance en trasferencia de competencias é de "cero".

Con todo, Pazos considerou que quen pretende unha Galicia "liliputiense" é o BNG, ante unha lexislatura "liquidada" a nivel estatal e un Goberno "en saída", coa súa proposición de lei "inxusta, innecesaria e ilegal".

Desde o PSdeG, a deputada Patricia Otero tamén reprochou ao PPdeG o seu balance nulo para o autogoberno de Galicia, polo que augurou que aínda que o líder do PP e expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chegase a presidir España, un suposto que cre que "non se vai dar", cos "antecedentes e o legado" que ten non traspasaría tampouco ningunha competencia a Galicia.

Otero apoiou a iniciativa do BNG porque cre que é o proceso con "maior seguridade xurídica" e recriminou ao PPdeG que lle "entren as présas" por aprobar unha lei de ordenación do litoral de Galicia ao final da lexislatura estatal só para "buscar confrontación co Goberno central".

Pazos replicoulle que este proxecto de lei, xa aprobado pola Xunta e que se atopa en tramitación no Parlamento, é o que vai fixar as esixencias fronte ao novo Goberno central "sexa da cor que sexa", polo que debe quedar aprobada antes de que se constitúa o novo Executivo estatal e instou á oposición para apoiala.

Ao BNG instouno a "asumir que chega tarde" coa súa petición e renunciar a apuntarse tantos "que non lle corresponden", mentres que ao PSdeG esixiulle que abandone a súa "calculada ambigüidade", que ve exemplificada na súa cabeza de lista por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, un delegado do Goberno en Galicia que cre que "só veu abusar das súas prerrogativas". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade