O BNG rexeita reunirse co PP para falar da investidura de Núñez Feijóo
O BNG rexeita reunirse co PP para falar da investidura de Núñez Feijóo
Trátase da "crónica dunha investidura fracasada", coa que a súa formación política "non está disposta a colaborar"
Sumar traslada ao PP que Feijóo debe retirarse xa da investidura pola falta de apoios
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou este martes que a súa formación non se reunirá co PP para negociar a investidura de Alberto Núñez Feijóo, xa que "non se dan as circunstancias" nin as condicións necesarias para iso.
Rego confirmou na sede do BNG en Santiago que esta decisión, tomada por parte da Executiva nacional, responde a que a reunión ten unicamente un interese "partidista", xa que os populares tratan de "escenificar" e de "insistir" en que deben formar Goberno xa que son o partido que "gañou as eleccións".
"Somos unha formación que sempre está disposta o diálogo, sexa con quen sexa, pero entendemos que aquí estamos ante unha escenificación que ten un interese exclusivamente partidista por parte do PP, cun compoñente interno importante, que ten que ver coa correlación de forzas dentro do PP", declarou Rego.
O deputado nacionalista repetíu que os populares non contan cos suficientes apoios e que se trata da "crónica dunha investidura fracasada", coa que a súa formación política "non está disposta a colaborar".
Segundo expresou Rego, aínda que o interese do PP é "lexítimo", o BNG non vai participar na "manobra" política dos populares.
Rexeitou ademais os argumentos do PP de "apelar" a ter como presidente do Goberno a un galego e lembrou que xa houbo un con Mariano Rajoy, a quen criticou por ter entre "os seus méritos" reducir á metade o orzamento para Galicia, ademais dos recortes sociais e a privatización e a precarización dos servizos públicos.
Na súa intervención acusou tamén a Feijóo de non defender os intereses de Galicia, que en 14 anos conseguiu "cero competencias" para a Comunidade e que agora se posiciona en contra de que o galego poida ser utilizado con normalidade no Congreso.
Ao preguntarlle por posibles contactos con outras formacións políticas para unha eventual investidura liderada por Pedro Sánchez, Rego supeditou o acordo a unha "axenda galega".
"Mantemos os contactos co PSOE, pero non faremos pública ningunha conversación ata que pase o proceso de investidura de Feijóo. Parécenos o máis lóxico e o correcto. Unha vez que pase a oportunidade de Feijóo poderemos falar con claridade e propiedade sobre o diálogo con outras forzas políticas", expresou Rego.
Sumar traslada ao PP que Feijóo debe retirarse xa da investidura pola falta de apoios
Sumar pediu ao candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, que se retire da investidura para avanzar en ter "canto antes" un Goberno progresista, e así llo trasladou a portavoz no Congreso, Marta Lois, ao secretario xeral do grupo popular, Carlos Rojas.
Foi durante unha reunión que ambos mantiveron no Congreso durante tres cuartos de hora e que se desenvolveu de xeito cordial dentro da rolda de contactos do PP para solicitar apoios para a sesión de investidura dos próximos días 26 e 27.
Lois tamén reclamou a Rojas que retiren os recursos do PP no Tribunal Constitucional contra a lei trans e a reforma laboral, se é que a súa formación aposta polo diálogo, pero non tivo resposta, segundo dixo a portavoz de Sumar.
Insistiu en que a investidura de Feijóo é unha investidura "fracasada" do que é tamén consciente o líder popular, segundo dixo, e, por tanto, debe retirarse porque está a facer perder o tempo aos españois.
Os interlocutores neste encontro foron esta vez Lois e Rojas tras a negativa da líder de Sumar e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, a reunirse con Feijóo.
Pola súa banda, Rojas lembrou á portavoz de Sumar que o panorama da investidura está aberto e que ao PP "apenas lle faltan 4 votos para a maioría absoluta" polo que criticou que a formación que dirixe Yolanda Díaz e o PSOE cuestionen a investidura.
"Parécenos incrible. O PSOE e Sumar non ofrecen esa cantidade de votos e parécenos algo que supón un retroceso na forma de facer política", recalcou tras lembrar que se debe ter "talante democrático" e "recoñecer as derrotas".
O deputado do PP lembrou a Lois que a súa formación ten un mandato do rei e "gañou claramente as eleccións" á parte de entregarlle o documento que Alberto Núñez Feijóo propón a todos os partidos baixo o espírito dos Pactos da Moncloa.
Tamén aproveitou a entrevista para recriminarlle a reunión que mantivo Díaz co expresidente da Generalitat, Carles Puigdemont, e que o PSOE "fale de amnistía e queira romper ao prezo que sexa por manterse no poder os piares da Constitución".
A roda de contactos, tras a negativa do BNG para verse co PP, seguirá o xoves coa reunión entre a portavoz popular, Cuca Gamarra, e o do PNV, Aitor Esteban.