O BOE publica o nomeamento de Camilo Villarino como novo xefe da Casa do Rei
O BOE publica o nomeamento de Camilo Villarino como novo xefe da Casa do Rei
A Casa do Rei anunciou a designación de Villarino en lugar de Jaime Alfonsín o pasado 19 de xaneiro
Villarino,cunha dilatada experiencia como diplomático, era o actual director do gabinete do alto representante da UE para Asuntos Exteriores
Jaime Alfonsín ,de 67 anos e natural de Lugo, pasará a ser conselleiro privado do monarca
O Boletín Oficial de Estado publica este luns o nomeamento como xefe da Casa do Rei do diplomático Camilo Villarino, ata o de agora director do gabinete do alto representante da UE para Asuntos Exteriores Josep Borrell.
Villarino substitúe a Jaime Alfonsín, cuxo cesamento como responsable da estrutura que soporta a Xefatura do Estado publica tamén o BOE, a quen Filipe VI agradece os servizos prestados á Coroa e á Familia Real nos últimos 30 anos, tras ser tamén secretario do príncipe entre 1995 e 2014.
O real decreto asinado polo monarca e o presidente do Goberno Pedro Sánchez destaca de Alfonsín a súa "gran lealdade, acerto e enorme dedicación" á Coroa durante tres décadas, "demostrando en todo momento unha adhesión inquebrantable á Institución e un profundo amor a España".
"Como mostra do meu agradecemento e afecto, a fin de seguir contando co seu valioso e leal consello tras tantos anos de xeneroso servizo", reza o decreto, "Jaime Alfonsín desempeñará en diante as funcións que lle encomende como conselleiro privado".
Alfonsín, de 67 anos e avogado do Estado, celebrou o pasado venres o seu último acto como man dereita do rei na conmemoración do 150 aniversario da Intervención Xeral da Administración do Estado.
A Casa do Rei anunciou a designación de Villarino o pasado 19 de xaneiro a través dun comunicado en que se precisaba que a substitución tería lugar ao longo deste mes de febreiro.