A Fiscalía advirte de "indicios de toxicidade" na vertedura dos 'pellets' de plástico
A Fiscalía advirte de "indicios de toxicidade" na vertedura dos 'pellets' de plástico
O investigador engade que “non son biodegradables” e “non poden eliminarse”
O buque Toconao perdeu 26 toneladas de bólas de plástico e outros cinco contedores con neumáticos e papel filme
O Fiscal de Sala de Medio Ambiente Antonio Vercher advertiu nun decreto emitido este luns de que os pellets de plástico que chegaron á costa galega o pasado 8 de decembro presentan “indicios de toxicidade”, “non son biodegradables” e “non poden eliminarse”.
No documento, Vercher manifesta a súa decisión de investigar a vertedura que o pasado 8 de decembro se produciu nas augas de Portugal.
O navío mercante, segundo o representante da armadora do barco, a multinacional danesa Maersk, transportaba en total "1.050 sacos de pellets, de 25 quilos cada un”.
Estes materiais, confirma o fiscal de medio ambiente, utilízanse para fabricar produtos de plástico e “contribúen á contaminación por microplásticos”, por cuxo motivo a súa eliminación constitúe un obxectivo da Unión Europea.
Máis de 26 toneladas
A Delegación do Goberno en Galicia informou este luns de que o buque Toconao, que perdeu ata seis contedores en augas portuguesas, verteu ao mar 26,3 toneladas de pellets de plástico, ademais doutros contedores con pneumáticos e papel filme.
O Executivo central detallou que, segundo o representante da armadora do barco, Maersk, o que transportaba o contedor eran "1.050 sacos de pellets, de 25 quilos cada un", é dicir, un total de 26.250 quilos das pequenas boliñas de plástico que apareceron nas praias galegas.
O barco Toconao tamén perdeu outros cinco contedores, que, segundo indicou a Delegación do Goberno en Galicia, levaban "pasta de tomate, pneumáticos, barras de aluminio e rolos de papel filme".
Este luns, a conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez dixo que a Xunta descoñecía a cantidade de pellets vertidos ao mar e que esperaba este dato por parte do Goberno central e a empresa para poder organizar a recollida.