O cadáver dun veciño da Pobra leva tres meses esperando a ser enterrado
O cadáver dun veciño da Pobra leva tres meses esperando a ser enterrado
Nestes casos a lei di que é o Concello quen debe asumir os gastos do enterro
Cipriano, un veciño da Pobra do Caramiñal de 61 anos de idade, apareceu morto nun edificio da rúa do Ribeiro a finais do mes de xaneiro. O cadáver foi trasladado ao Instituto de Medicina Legal de Galicia para practicarlle a autopsia. Dende aquel día pasaron tres meses e o cadáver continúa nunha cámara frigorífica do Imelga, porque os seus familiares desentendéronse del.
Unha veciña di que se fose unha persoa importante non pasaría isto; di que lle dá pena e que non entende porque non se fixeron cargo do enterro.
A maioría das persoas coinciden en que é inhumano e moi triste que aconteza algo así. Unha muller di que no faría iso e que aínda que non fose un familiar directo intentaría todo o que fose para enterralo. Outra veciña di que na súa familia pasou algo semellante e o Concello fíxose cargo do sepelio.
Non lle falta razón, nestes casos a lei di que é o Concello quen debe asumir os gastos do enterro. Foi o que lles comunicou o xulgado de Ribeira aos servizos sociais do consistorio pobrense o 11 de marzo. Dende o Concello aseguran que non lles consta este requirimento xudicial; din que souberon do caso pola prensa. Mentres tanto, o cadáver de Cipriano permanece na sede do Imelga esperando que alguén se encargue de darlle sepultura.