O Camiño Branco, a experiencia de selar a Compostela na Antártida
O Camiño Branco, a experiencia de selar a Compostela na Antártida
Esta ruta comeza cunha navegación cara ao continente antártico atravesando o Mar de Hoces
A dureza e a singularidade desta ruta fan que non sexa apta para a maioría dos peregrinos
O Camiño Branco, o máis afastado de Santiago, que parte da Antártida foi o que rematou esta fin de semana un peregrino coruñés que selou a súa Compostela nun buque oceanográfico a máis de 15.000 quilómetros de aquí.
O desafío desta ruta non era a distancia percorrida. As tormentas do Mar de Hoces e as dificultades da navegación marcaban cada etapa dun camiño que poucos peregrinos percorreron antes.
Son as estampas que José Ricardo Pardo Gato trae dun Camiño Branco que comezou hai un mes ao embarcar en Ushuaia, a terra da Fin do Mundo, nun buque científico cara ao continente antártico.
A miña pretensión inicial era selar a Compostela na base Gabriel de Castilla. Pero a razón da covid impedían o acceso á base e o primeiro é a protección dos que alí prestan o seu labor. Entón o que fixemos foi dirixirnos cara ao sur, que case foi o mellor porque alongamos todo o traxecto da beira da península antártica e chegamos a un punto onde sobrepasamos en varias millas o círculo polar antártico. Aí foi onde me dirixín ao capitán do buque, un arxentino que se consideraba máis español ca min, case, e a falta de clérigo a bordo seloume a Compostela no lugar máis ao sur do planeta que ata agora, eu creo, que se selou unha Compostela.
Xa de volta, José Ricardo, investigador do Arquivo Catedralicio Compostelán, percorría o Camiño inglés desde A Coruña para poñerlle os últimos selos á Compostela e rememorar o significado desta nova ruta percorrida.
A dureza, a singularidade, a que é un camiño máis interior ca exterior no sentido de que ti se vas alí é por algo que realmente cres. Eu creo que chega un momento en que tes que pedirlle ao Apóstolo máis que pedir, agradecer estar aquí e de pedir, pedir polos demais. Eu creo que son un privilexiado na vida, non podo ter máis ca agradecemento ao Apóstolo e foi o que fixen.