Poboación reclusa tenta liberarse do estigma da cadea facendo o Camiño
Poboación reclusa tenta liberarse do estigma da cadea facendo o Camiño
Un cento de reclusos de prisións españolas chegan a Santiago cumprindo a súa particular peregrinación
Un cento de persoas, reclusas en prisións de toda España, trocaron durante uns días as celas pola experiencia persoal da ruta xacobea. Superar as propias frustracións e proporcionar unha segunda oportunidade son algúns dos obxectivos que persegue esta iniciativa.
"A verdade é que o Camiño foi moi duro, é a miña primeira vez, pero está moi ben porque reflexionas, aprendes moitas cousas", comenta Emilio, un dos reclusos participantes.
Na iniciativa, promovida pola Pastoral Penitenciaria, participan persoas que xa gozan dun réxime de saídas fóra da prisión. O obxectivo é que poidan superar o fracaso da cadea rematando o Camiño e que a sociedade tamén poida valorar o seu esforzo.
"Para demostrarlle á propia sociedade que a eles, se lles dan a oportunidade, poden. É ao sentírense valorados, recoñecidos e non sentirse estigmatizados", comenta Florencio Roselló, director da Pastoral Penitenciaria en España sobre os obxectivos deste proxecto.
Na peregrinación deste ano participan os centros penitenciarios galegos. Habitualmente, cada prisión organizaba individualmente a ruta, pero coa excepcionalidade do Xacobeo, este ano decidiron xuntar os grupos das 15 prisións participantes no Monte do Gozo.
"Con tanto aire libre e a liberdade, botas a pensar, a lembrar e reflexionar en todo momento. Que isto che sirva para seguir o camiño", sentencia Ramiro, outro dos reos que realizan a peregrinación.