O "camiño violeta" une a Poio e a Pontevedra na denuncia da violencia machista

Unhas 200 persoas participaron no Camiño Violeta, que saíu do concello de Poio e rematou no de Pontevedra

A iniciativa promovida pola Asociación de Amigos de Pontevedra lembrou as vítimas da violencia machista

G24.gal 26/11/2023 14:56 Última actualización 26/11/2023 17:17

Arredor das nove da mañá preto de duascentas persoas arrancaban camiño. Os primeiros quilómetros da ruta discorreron polo concello de Poio. A Asociación de Amigos de Pontevedra 
é a responsable desta iniciativa que chega á súa terceira edición.

"Este ano fixémola conxuntamente co concello de Poio e de Pontevedra e fixémola para concienciar a ver se esta lacra se acaba dunha vez pero xa, porque cada vez son máis mortes e cada vez colle menos sentido", di Francisco Pérez, da Asociación de Amigos de Pontevedra.

A memoria das vítimas da violencia machista guiou os camiñantes nun percorrido sinalizado con frechas violetas cos seus nomes.

"Oxalá non houbera tantas porque hai 54 frechas por cada muller e neno vítima de violencia vicaria".

"Temos que pórlle freo".

"Levo no bastón o nome de todas as asasinadas, a ver se para o ano non houbera", comentan varias camiñantes.

Un bastón gravado cos nomes das mulleres asasinadas foi pasando de man en man ata chegar ao embarcadoiro de Lourido. Tres barcas a remo encargáronse de levalo ata Pontevedra, onde se desenvolveu a última etapa deste "Camiño Violeta".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade