O capitán do Argos Georgia, de alta e xa coa súa familia; o primeiro oficial segue en observación
O capitán do Argos Georgia, de alta e xa coa súa familia; o primeiro oficial segue en observación
O urxente agora son as secuelas psicolóxicas: o capitán, aínda que de alta, está en 'shock'
Os corpos dos falecidos serán trasladados este martes ata o Reino Unido
O capitán do Argos Georgia, o pesqueiro que naufragou a semana pasada fronte ás costas de Malvinas, xa se atopa na casa, coa súa familia; mentres, o primeiro oficial continúa ingresado en observación.
Así o confirmou o portavoz das familias dos sobreviventes, José Manuel Pena, que sinalou que agora o máis urxente é o psicolóxico.
O capitán e o primeiro oficial son dous dos sobreviventes, voaron desde Malvinas no Airbus A330 do 45 Grupo de Forzas Aéreas do Exército do Aire e do Espazo fretado polo Goberno para repatriar os tripulantes do pesqueiro.
A aeronave aterrou no aeródromo militar de Santiago ao fío das 13:00 horas. Alí desembarcaron catro dos mariñeiros españois sobreviventes: os galegos. A continuación, a aeronave aterrou na base aérea de Torrexón en Madrid pouco antes das 16.00 horas, co resto de sobreviventes do naufraxio a bordo.
Ao chegaren a Santiago, tanto o capitán como o primeiro oficial foron trasladados ao hospital compostelán para que se lles practicase un exame médico. O capitán foi dado de alta xa pola tarde, pero o primeiro oficial quedou ingresado en observación.
O complicado agora serán as secuelas psicolóxicas, apuntou o portavoz. Así, o capitán, "débil", continúa "en shock" e "psicoloxicamente destruído".
Un avión, un buque militar do Goberno malvino e unha embarcación da mesma armadora do Argos Georgia proseguen a busca dos desaparecidos. E sobre as causas do naufraxio, hoxe un xornal galego publica que algúns superviventes achacan o afundimento do buque á rotura dunha comporta, ao parecer xa estragada ao saír do porto.
A investigación nestes momentos está nas mans das autoridades británicas e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, asegurou hoxe que neste momentos o executivo español non debe inmiscuírse.
Ao ser Reino Unido quen está a levar a cabo as investigacións sobre o naufraxio, o protocolo forense das illas Malvinas, esixe que os corpos dos 9 falecidos no naufraxio, incluídos os dos galegos César Acevedo e Santiago Leyenda, sexan trasladados ata aquí para realizarlles a autopsia.
Pero a información sobre que pasará cos corpos dos falecidos unha vez realizada esa autopsia é escasa. As fontes gobernamentais británicas e diplomáticas consultadas pola Televisión de Galicia non puideron confirmar polo momento cales serán os pasos a seguir unha vez rematados os protocolos forenses.
A única información que si se sabe é que serán trasladados este martes ata o Reino Unido e que aterrarán nunha base militar situada en Oxford.