O Carballiño celebra os éxitos do seu equipo de fútbol
O Carballiño celebra os éxitos do seu equipo de fútbol
O C. D. Arenteiro supón un revulsivo económico para a vila
Comerciantes e hostaleiros prepáranse para o "desembarco" do Atlético de Madrid, o 22 de decembro
As reservas para o 22 de decembro, día do partido do C. D. Arenteiro contra o Atlético de Madrid, soben xa do 50 % no hotel Arenteiro, o mesmo no que o equipo seguiu a retransmisión do sorteo o mércores pasado.
"Ás cinco e cinco da tarde saíu a bola do partido C. D. Arenteiro-Atlético de Madrid, e ás cinco e cuarto xa entraron 10 reservas ao hotel, de xente que non é de Galicia", asegura Uriel Bernárdez, xerente do hotel.
O Arenteiro está nun bo momento e todos queren participar da súa sorte. "Unha ilusión para a vila, sobre todo os rapaces que practican fútbol". "O Arenteiro sempre tivo unha afección moi boa e agora estamos todos encantados", comentan dous clientes do bar Soldado, onde retransmiten os partidos do Arenteiro.
A lotaría do club para o sorteo de Nadal, que se celebra o mesmo día que o partido contra o Atlético de Madrid, esgotouse en tempo récord.
"A lotaría esgotouse toda. Nunca se vendeu tanta coma este ano, visto e non visto, porque queda un mes para o sorteo", di Carmen del Río, a dona do bar Soldado.
Pequeno comercio
Tamén voa o merchandising. O Arenteiro, insisten, sempre tivo público, unha afección entregada ao seu equipo, pero o que está pasando este ano non ten comparación. "É que nos chegan chamadas de todos os lados, México, Barcelona, Madrid, Andalucía... E todo o día", sinala Silvia Asorey, da tenda Futboleros.
Todo un fenómeno comercial que chega, ademais, na mellor época, unha das máis frouxas do ano en canto a vendas. Para rendibilizala, os comerciantes están preparando unha campaña especial coa colaboración do equipo.
Julián Garriga Crespo, presidente do Centro Comercial Aberto do Carballiño: "Unha campaña que imos facer da man do Arenteiro. Vai haber moitas sorpresas, cos xogadores. Vai ser unha campaña moi bonita"
Todo un emblema para esta vila, que xa loce a bandeira do equipo na fachada consistorial.