Publicador de contidos
Publicador de contidos

O carbono 14 revelará a antigüidade do baño xudeu desenterrado na Coruña

O carbono 14 revelará a antigüidade do baño xudeu desenterrado na Coruña

É o único 'mikvé' intacto de Galicia e un dos mellor conservados de España

Abovedado, con escaleira a un manancial, servía para ritos purificadores 

Os baños purificadores construíanse onde houbese un manancial, coma este da Coruña
G24.gal 06/10/2023 21:16 Última actualización 06/10/2023 21:35

Unha casa anodina da rúa Sinagoga da Coruña agochaba un segredo que, a punto estivo, de non revelarse xamais de saír adiante o proxecto para construír no seu lugar apartamentos turísticos. Evitouno o presentimento dunha técnica municipal, Ana Debén, arquitecta e xefa da Oficina Técnica do Concello da Coruña. Ela detectou indicios nos planos do que unha lenda local e varios intelectuais pregoaron no século XIX segundo nos conta ela mesma.

"Para saber se era un micvé tiña que cumprir unhas condicións: ter chanzos para baixar, ter porta, estar escavada en rocha e ter auga pura dun manancial".

Tras a primeira cata con éxito, o Concello adquire a casa e no mes de marzo deste ano comezaron a escavación en que apareceron unhas escaleiras e o arranque dunha bóveda, baixo un recheo de terra. O arqueólogo municipal Marco Antonio Rivas desvela os seguintes pasos.

"A día de hoxe estamos facendo traballos para determinar a súa cronoloxía e despois e logo virán os de investigación arqueolóxica para determinar se o resto da edificación ou partes dela puideron ser usadas na antigüidade como sinagoga".

"Non se pode situar en calquera sitio, ten que haber manancial e unha vez situado o mikvé, constrúese a sinagoga. O primeiro que se constrúe é o mikvé" explica Ana Debén.

Todas as mulleres debían realizar este rito de purificación tras a menstruación ou despois de casar ou de ter un fillo, polo que cada comunidade debía ter polo menos unha.

O mikvé coruñés disque é o mellor conservado de España e ten polo menos 500 anos, construído antes da expulsión dos xudeus en 1492.

"A día de hoxe é a única construción do patrimonio hebreo documentada en Galicia", engade fachendoso o arqueólogo municipal do Concello da Coruña.

Próximas escavacións darán máis luz sobre os seus usuarios, a comunidade xudía coruñesa que iluminou a biblia Kenicott, a máis exquisita do mundo. O impacto internacional do achado está por vir. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade