O 'catalangate' chega ao Senado
O 'catalangate' chega ao Senado
Robles respóndelles aos independentistas que se actuou baixo a lei vixente
Sánchez insta ao PP a apoiar o plan contra as consecuencias da guerra
Os senadores independentistas deixaron claro desde o principio que na orde do día non cabía outro asunto que a presunta espionaxe a políticos cataláns e vascos.
"Ou investigan e depuran responsabilidades ou é que vostedes son cómplices", dixo Josep Lluís Cleries, de Junts per Catalunya.
Para Gorka Elejabarrieta, de EH Bildu, no cabe dúbida de que "o Estado español é quen está detrás destra flagrante violación de dereitos fundamentais".
Mirella Cortès, de Esquerra Republicana de Catalunya, considera "intolerable que nun país democrático se espíe a disidencia política".
A ministra de Defensa responde que o Goberno non agocha a cabeza e que todas as dúbidas van quedar despexadas cando se constitúa a Comisión de Fondos Reservados.
Margarita Robles garante que "o Goberno da nación e todos os organismos públicos cumpren coa legalidade vixente. Ao mellor, non todos poden dicir o mesmo".
O PP pide a rebaixa de impostos para apoiar as medidas de resposta ás consecuencias económicas da guerra
A dous días de que se voten no Congreso as medidas de resposta ás consecuencias económicas da guerra, o PP instou o Goberno a aceptar a rebaixa de impostos proposta por Núñez Feijóo a cambio do seu apoio.
O popular Javier Maroto dixo que "non é serio para nós nin responsable para millóns de españois que están esperando que o Goberno demostre un pouco de alma e acerte por unha vez en economía".
Pedro Sánchez respondeu que "a día de hoxe non sabemos que vai facer o Partido Popular, se vai apoiar que baixemos en 20 céntimos o litro de gasolina ou gasóleo, se vai apoiar que aumentemos a dous millóns os fogares protexidos polo bono social eléctrico".
Sánchez di que a convalidación do decreto é fundamental para que o acordo acadado en Bruxelas para limitar os prezos do gas non quede incompleto.