Publicador de contidos
Publicador de contidos

A centrodereita gaña en Portugal pola mínima e Montenegro buscará formar Goberno

A centrodereita gaña en Portugal pola mínima e Montenegro buscará formar Goberno

O candidato de Aliança Democrática Luís Montenegro di que está preparado para gobernar e fai un chamamento ao diálogo, aínda que mantén a súa negativa a pactar coa ultradereita 

O socialista Nuno Santos recoñece a derrota e asegura que liderará a oposición

O triunfador da noite é o partido de dereita radical Chega, que cuadriplica os resultados de 2022

O candidato de Aliança Democrática Luís Montenegro
G24.gal 10/03/2024 21:22 Última actualización 11/03/2024 09:08

A falta de que se complete o escrutinio da emigración, a coalición de centrodereita Aliança Democrática (AD) gañou pola mínima as eleccións lexislativas en Portugal.

Co 99 % do cómputo rematado, a Aliança Democrática proclamouse vencedora ao obter 79 escanos fronte aos 77 do Partido Socialista, coa candidatura de Pedro Nuno Santos, que perdeu a maioría absoluta que obtivera hai dous anos e queda no segundo posto. 

Na coalición de centrodereita, pola súa banda, buscarán formar goberno e rexeitan pactar coa ultradereita. O máis probable é un executivo con Iniciativa Liberal, que quedaron cuartos, pero aínda así non suman maioría e terán que buscar acordos co resto das formacións. 

O líder de AD afirmou que ten expectativas fundadas de que o presidente de Portugal Marcelo Rebelo de Sousa lle pida formar Goberno no país e rexeitou un acordo coa ultradereita.

"Creo que os portugueses tamén dixeron que é necesario que os partidos políticos, especialmente aqueles con representación parlamentaria, privilexien máis o diálogo e a consulta entre líderes e partidos", dixo Montenegro.

Preguntado por unha xornalista sobre se pactaría con Chega, foi tallante e asegurou que cumprirá a súa palabra, despois de reiterar durante a campaña electoral que non ten intención de pactar coa ultradereita.

O dirixente do PS Pedro Nuno Santos recoñeceu a vitoria de AD e anunciou que lideraría a oposición.

"A pesar da diferenza tanxencial entre nós e AD, sen menosprezar os votos dos círculos electorais das nosas comunidades (no estranxeiro), todo indica que o resultado non permitirá ao PS ser o partido máis votado", dixo Santos na súa comparecencia nun hotel de Lisboa.

A pesar de conceder a vitoria a AD, Santos reiterou que o PS non vai apoiar ningunha moción de rexeitamento que poida presentarse ao comezo da nova lexislatura fronte a un Goberno minoritario de AD, porque non está en condicións de presentar un Executivo alternativo.

Sobre a posibilidade de que o PS viabilice uns orzamentos do Estado para 2025 presentados por un Goberno de AD, considerou ese escenario "practicamente imposible".

"Non paga a pena crear presión sobre o PS, imos liderar a oposición, non somos nós os que imos apoiar un Goberno de AD", indicou.

Pedro Nuno Santos (Partido Socialista) Pedro Nuno Santos (Partido Socialista)

Como terceira forza e gran triunfador da noite está o partido de ultradereita Chega, que, con máis dun millón de votos, obtén 48 escanos, catro veces máis dos conseguidos nos comicios de 2022 (obtivera 12).

A fragmentación da Asemblea da República manterase igual, con oito formacións nunha cámara con 230 escanos. Outro titular destas eleccións anticipadas foi a participación, que superou o 66 %, a máis elevada dos últimos anos.

André Ventura (Chega) André Ventura (Chega)

A xornada transcorreu con tranquilidade, sen apenas incidentes graves, coa excepción da polémica protagonizada por AD e un partido con siglas similares, Alternativa Democrática Nacional (ADN), de dereitas, o que levou a que algúns electores se confundisen á hora de marcar a papeleta.

De feito, AD denunciou esta confusión á Comisión Nacional de Eleccións lusa ao recibir noticias de que algúns electores que querían votar por eles acabaron sufragando ADN debido á similitude dos seus nomes.

Alianza Democrática deuse a coñecer durante a campaña baixo a siglas de AD, pero nas papeletas aparecía o seu nome acompañado polas siglas dos partidos que a compoñen PPD/PSD.CDS-PP.PPM., mentres que a outra forza aparecía como ADN.

O certo é que ADN logrou 100.044 votos, o 1,63 % dos sufraxios, pero non logrou facerse con ningún escano.

Resultado (só faltan catro escanos da emigración por atribuír):
🟠 Aliança Democrática 79 (+6)
🔴 Partido Socialista 77 (-42)
🟢 Chega (ultradereita) 48 (+36)
🔵 Iniciativa Liberal 8 (=)
🟣 Bloco de Esquerda 5 (=)
⚫ CDU (comunista) 4 (-2)
⚪ Livre (esquerda) 4 (+3)
🟡 PAN (animalista) 1 (=)

Maioría absoluta: 115
🟠+🟢 = 127
🟠+🔵 = 87
🟠+🔴 = 156
🔴+🟣+⚫+⚪+🟡 = 91

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade