O chifre de Luíntra que inspirou a Miles Davis
O chifre de Luíntra que inspirou a Miles Davis
Os alumnos de primaria da vila investigaron a conexión dun afiador e capador da zona, José María Rodríguez, coa icona do jazz
Localizaron a súa sobriña, que lles amosou o chifre orixinal
Para contar esta historia, hai que remontarse 70 anos atrás, cando os folcloristas Alan Lomax e Jeanette Bell rexistraron o son do chifre de Xosé María Rodríguez, afiador e capador de Luíntra. Un son que inspirou 'The Pan Piper', o tema gravado por Miles Davis en 1960.
O chifre é un dos protagonistas do acto que organizou o colexio de Luíntra para conmemorar o 70 aniversario deste acontecemento da historia local. Cedéullelo a sobriña de Xosé María, coa que contactaron durante o proceso de investigación.
"O chifre regaloumo el, cando xa estaba mal e ía volver a Galicia. Para min é unha reliquia", di Celita González Rodríguez, sobriña de Xosé María Rodríguez.
Os propios alumnos foron os encargados de presentar o resultado das investigacións que realizaron durante cinco meses, para afondar na conexión entre Xosé María Rodríguez e Miles Davis.
Tiveron que mergullarse en arquivos históricos, ata a biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Descubriron fotos inéditas, publicacións da época na prensa local, a correspondencia entre os integrantes da historia e testemuñas que os axudaron a afondar na historia local.
"Aqueles que tiñan referencias a Xosé María Rodríguez e a súa viaxe por Ourense, para ir debullando a información que nos interesaba. Ese foi o traballazo das familias, da rapazada e do profesorado de Luíntra", explica Ico, profesor de música no CEIP de Luíntra.
Agora celébrano cos seus familiares e veciños nun acto que conecta Nogueira de Ramuín do século XXI coa de setenta anos atrás.