O comercio pontevedrés asina o seu primeiro convenio colectivo único
O comercio pontevedrés asina o seu primeiro convenio colectivo único
O convenio introduce como novidade o cobro do 100 % do salario en caso de baixa laboral
Contemplan un aumento salarial do 14,7 % en tres anos e manteranse as catro pagas extraordinarias
Limita os contratos parciais a un máximo do 25 % dos traballadores
A patronal do comercio pontevedrés asinou cos sindicatos CIG, CC.OO e UXT o primeiro convenio de comercio vario da provincia de Pontevedra.
Este convenio, que terá vixencia ata o ano 2024, permitirá "dignificar as condicións de miles de traballadoras" en sectores que están "moi feminizados e precarizados", segundo explicou a secretaria de CIG Servizos, Transi Fernández.
Os incrementos salariais pactados ao longo do tres anos de convenio alcanzan o 14,7% e manteranse as catro pagas extraordinarias.
Ademais, o convenio introduce como novidade o cobro do 100 % do salario en caso de baixa laboral, promocións profesionais automáticas, axudas escolares ou excedencias especiais por cargo de fillos ou ampliar o período de lactación ata os doce meses, entre outras cuestións.
En materia de contratación, o acordo entre a patronal e o tres sindicatos garante que os contratos parciais estarán acoutados, un mínimo de 27 e un máximo de 30 horas á semana, establecendo que non poderá haber máis dun 25 % de traballadores neste réxime.
"Imos evitar o desenfreo que estamos a ter neste tipo de sectores, onde chegan a ter cadros de persoal case enteiros con este modelo", sinalou a representante de CIG.
Fóra deste convenio, segundo lamentou Fernández, quedan os sectores do comercio metal, materiais de construción e mobles "que non quixeron participar nel".