O comité de Alu Ibérica pídelle ao Goberno a intervención da planta
O comité de Alu Ibérica pídelle ao Goberno a intervención da planta
Miñones di que seguirán buscando unha solución e “un futuro viable” para o emprego en Alu Ibérica
Os representantes dos traballadores mandaron unha carta a Pedro Sánchez para explicarlle a situación “crítica” en que se atopan
Polo momento, a fábrica está inactiva e en concurso de acredores
O comité de empresa de Alu Ibérica A Coruña pediu este mércores ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) adquira a empresa e posteriormente a venda mantendo o persoal ao completo.
Tras a reunión, celebrada na Delegación do Goberno, o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, explicou en declaracións a Efe que lle trasladaron ao delegado do Goberno a necesidade de buscar financiamento para poñer en marcha a planta e propuxéronlle unha intervención por parte da SEPI.
“Non entendemos que a SEPI non se faga cargo da planta para despois vendela. É unha operación sen risco”, considerou López Corbacho.
Así llo fixeron saber tamén os representantes dos traballadores ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nunha carta que lle acaban de enviar para explicarlle a situación “crítica” na que se atopan.
Tamén lle solicitaron ao delegado “falar de proxectos industriais” e que se vincule un contrato PPa á planta, xa que “urxe buscar solucións”.
José Miñones comprometeuse a trasladar as súas peticións ao Ministerio de Industria e a “continuar o traballo para atopar unha solución que garanta un futuro viable para o emprego”. Tamén lles detallou que o Goberno continúa falando con posibles investidores.
“Non se pode falar da solución á marxe de nós”, apuntou López Corbacho, quen requiriu que se lles involucre no estudo das alternativas.
Segundo indicou a Delegación do Goberno nun comunicado, Miñones asegurou que continuarán o traballo para atopar unha solución e “un futuro viable” para o emprego en Alu Ibérica.
Así, reiterou que o Goberno apoia o persoal desde o principio do proceso, como demostrou co contacto directo e con medidas como o Estatuto dos Consumidores Electrointensivos.
O delegado incidiu na importancia de garantir os postos de traballo e ter unha industria referente en Galicia para todo o Estado. Nestes momentos a fábrica atópase inactiva e en concurso de acredores.