Publicador de contidos
Publicador de contidos

O comité de Barreras mobilizarase se a xuíza lle adxudica o estaleiro a Armón

O comité de Barreras mobilizarase se a xuíza lle adxudica o estaleiro a Armón

O administrador concursal decantouse pola compañía que prevé despedir un cento de traballadores, mentres o comité avoga pola oferta de Gondán

 

 

G24.gal 04/05/2022 08:54

O comité de empresa de Barreras anuncia mobilizacións se a xuíza ratifica a proposta do administrador concursal para entregarlle o estaleiro á empresa Armón, que prevé despedir un cento de traballadores. A parte social decántase pola oferta do grupo asturiano Gondán, que ten intención de manter o cadro de persoal.

Nunha entrevista no Galicia por Diante, o presidente do comité, Sergio Gálvez, engade que Gondán garante a carga de traballo para o estaleiro vigués, porque está perdendo contratos precisamente por non ter capacidade para cubrir toda a demanda que ten.

"Nós contámoslle ao administrador que Gondán desviou xa dous barcos a un estaleiro vasco, acaba de perder dous contratos para Sri Lanka e está nun nicho de mercado [o dos aeroxeradores] que está crecendo".

Fronte a iso, di Gálvez, o administrador opta pola oferta de Armón para construír buques oceanográficos e pesqueiros, pero advirte que a compañía non asegura que os vaia facer en Vigo.

"O que non di é que esa carga de traballo ten que distribuírse entre 4 estaleiros que ten esta empresa, que na súa oferta non pon o número de barcos que vai facer aquí dentro de seis meses, porque nunca o quixo poñer".

En opinión de Gálvez, o administrador concursal primou a oferta económica máis alta para facerlle fronte ás débedas dos acredores de Barreras, pero deixou fóra do cálculo o gasto en indemnizacións dos traballadores despedidos, que pensan batallar nos tribunais. O presidente do comité explica por que Armón non quere asumir o cadro de persoal actual:

"Eles teñen moito externalizado, non lles interesa ese modelo de contratación. Tamén son moito máis competitivos, porque os traballadores non teñen os dereitos dun indefinido... [...] E o peor de todo é que a Administración galega está impasible, toda a resposta que temos é que isto o decide un xuíz".

Gálvez cre improbable que a xuíza tome unha decisión contraria á escollida polo administrador concursal e avanza que haberá mobilizacións: "Está claro que isto, polo menos, ten que ter un reflexo social. O que non se pode é despedir pola porta de atrás aos traballadores". 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade