O Compostela trae consigo os tres puntos de Oviedo
O Compostela trae consigo os tres puntos de Oviedo
Un gol de David Grande vale para facerse coa vitoria
A S. D. Compostela venceu esta tarde na súa visita ao Oviedo Vetusta. Un gol de David Grande adiantou aos visitantes no 46 e dende ese momento o marcador xa non se movería máis.
A primeira metade non tivo moito ritmo e non houbo ocasións moi claras para ningún dos dous conxuntos. Ambos equipos pensaban máis en defenderse que en propoñer e o resultado foi a chamada a vestiarios sen goles.
Ironicamente, non pasaba nin un minuto do comezo da segunda parte cando ocorrería todo aquilo que non pasara antes. Un balón de Pablo Antas incorporándose pola esquerda remataría caendo na traxectoria de David Grande quen o enviaría ao fondo da rede. 0-1 para o Compostela nun partido no que, ata o momento, practicamente o único que pasara fora ese gol. O Vetusta non quedaría parado e reaccionaría con dúas ocasións claras poucos minutos despois e unha acción polémica por man na área do Compostela na que o colexiado decidiu non asubiar penalti.
Os de Antón Permuy lonxe de virse abaixo crearían perigo, especialmente nunha falta botada por Jordan que a pouco máis sorprende ao gardameta local. A ocasión máis clara sería para o Vetusta cando tras afondar por banda un pase da morte que era gol practicamente cantado chegaría aos pés de Iván, o cal non podería superar a Pato Guillén. O ourensán lanzouse con todo e taponou o golpeo coas pernas, salvando o partido do Compostela tras non participar a semana pasada debido a un traumatismo.
Con estes tres puntos a S. D. Compostela suma 44 puntos e queda provisionalmente a dous do Langreo que marca a promoción de ascenso, a expensas de que este xogue o seu partido.