Betanzos anuncia un plan de limpeza da rede e mantén as restricións de auga
Betanzos anuncia un plan de limpeza da rede e mantén as restricións de auga
Os casos de gastroenterite seguen a aumentar, xa van polos 440, aínda que diminúe o seu ritmo
As cisternas seguirán dando servizo de auga en Betanzos porque continúa a descoñecerse a causa do gromo de gastroenterite. A alcaldesa en funcións, María Barral, recoñecía na tarde do venres que agardan ter nos vindeiros días os resultados das análises realizadas.
A alcaldesa en funcións facía estas declaracións tras a primeira xuntanza entre a Consellería de Sanidade e o Concello. Nela acordáronse medidas preventivas: un plan de limpeza da rede de auga potable e análises máis profundas que se acometerán de inmediato.
"Eses resultados o que van aclarar é se a causa está na auga. Falábase na xuntanza das próximas horas polo que pode ser mañá ou durante a fin de semana ou como moi tarde o luns", detalla María Barral.
Polo de agora mantéñense as restricións de días anteriores: non se poderá beber auga da billa, tampouco usala para lavar alimentos ou para a hixiene bucodental.
Mentres, os casos de gastroenterite seguen a aumentar, xa van polos 440, aínda que diminúe o seu ritmo. Desde o concello "pídese extrema precaución naquelas persoas que estean en contacto con persoas enfermas e que extremen a hixiene".
A semana que vén está prevista unha nova xuntanza de seguimento da situación.