O Concello de Ferrol redactará contratos "exclusivamente" en castelán por "axilidade administrativa"
O Concello de Ferrol redactará contratos "exclusivamente" en castelán por "axilidade administrativa"
O Concello de Ferrol redactará contratos "exclusivamente" en castelán por "axilidade administrativa"
Desde o consistorio aseguran que isto suporá "unha redución de carácter inmediato de determinados trámites innecesarios"
O Concello de Ferrol redactará desde este mesmo xoves "exclusivamente en lingua española" os documentos que conformen os expedientes para as súas licitacións, unha decisión que xustificou a prol dunha maior "axilidade administrativa".
Nunha instrución asinada polo tenente de alcalde, Javier Díaz Mosquera, o consistorio enmarca esta iniciativa nun plan para a "simplificación e axilidade administrativa" nos seus procesos de contratación e subliña que o galego non é "lingua oficial da Unión Europea".
"A situación na que se atopa o Concello de Ferrol no que a determinados aspectos da tramitación administrativa se refire obriga a tomar unha serie de medidas para a súa corrección", argumenta o executivo municipal da cidade ferrolá, única das sete grandes urbes de Galicia gobernada, con maioría absoluta, polo PP.
O consistorio ferrolán afirma no documento que a lexislación galega insta a "promover o uso do galego escrito nas relacións coa cidadanía, aínda que engadindo que este principio de actuación" terá que exercitarse "sen prexuízo do dereito de non discriminación por razóns da lingua".
Deste xeito, enmarcou a súa proposta no obxectivo de lograr "unha correcta difusión das actividades contractuais que, en referencia á lingua utilizada, non provoquen limitación algunha e se conxugue coa necesidade de conseguir a máxima axilidade administrativa".
Así mesmo, argumenta que a ordenanza local de Normalización Lingüística "recolle que para os documentos dirixidos directamente aos organismos centrais de ámbito estatal ou supraestatal o Concello aterase ao previsto nas disposicións vixentes".
"Estas primeiras medidas comportan accións tanto de modificación de determinados trámites ata o de agora seguidos nesta Administración como de adaptación ao novo réxime organizativo municipal en vigor desde finais do ano pasado", apostila o goberno local ferrolán.
Finalmente, incide en que isto supoñerá "unha redución de carácter inmediato de determinados trámites innecesarios desde o punto de vista administrativo" e que a pretensión é "garantir a debida axilidade administrativa para avanzar na senda da reorganización tanto desde o punto de vista de procedemento como material e humano".