Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Concello de Santiago ultima a regulación de vivendas de uso turístico, que poderían reducirse un 80 %

O Concello de Santiago ultima a regulación de vivendas de uso turístico, que poderían reducirse un 80 %

Segundo os cálculos do Concello, das 816 vivendas inscritas no REAT só 170 cumprirían as condicións para poder regularizarse

Non haberá indulto para as vivendas turísticas que xa operaban antes da modificación do PXOM, que era a esperanza das asociacións de propietarios

G24.gal 04/06/2024 14:49 Última actualización 04/06/2024 15:15

Ningunha vivenda de uso turístico na zona vella compostelá, e só as que estean no baixo ou na primeira planta fóra dela. Así o establece o novo ordenamento urbanístico de Santiago para outorgar licenzas, e non vai haber excepcións para as que xa operaban antes da súa entrada en vigor. 

"Os informes xurídicos conclúen que non é posible legalizar ou regularizar as actividades preexistentes" explica a alcaldesa, Goretti Sanmartín. Era o que agardaban as asociacións de propietarios, pero finalmente non haberá indulto. "Facer iso -di Sanmartín- é incompatible co planeamento que hoxe está xa en vigor".

Calculan no Concello que das 816 vivendas inscritas no rexistro autonómico de actividades turísticas, só 58 tiñan licenza municipal, e ata 170 cumprirían os requisitos para poder obtela. O resto vense abocadas ao cesamento da actividade.

"600 familias que teñen unha ou dúas vivendas de uso turístico non van poder atender a axenda do verán, simplemente iso, deixarán á xente na rúa", di Óscar Soneira, voceiro de Aviturga. A voceira do colectivo de pequenos propietarios de Santiago, Eva Vidal, afirma que eles estaban "a favor dunha regulamentación", e apoiaban "que houbese unha zonificación, ou unha porcentaxe de vivendas turísticas en cada edificio". Pero, di, a nova normativa "déixanos k.o."

A alternativa que abre a nova normativa é que poidan alugar a turistas un máximo de dous meses ao ano, e con condicións. "Ten que ser residencia habitual dunha persoa física durante polo menos 183 días, que é o que establece a Lei do Solo estatal" explica Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo. "Éxclúese o ámbito da cidade histórica para isto, que ten que cumprir cos requisitos técnicos que se impoñan e ter ademais autorización da comunidade de veciños", engade.

Agardan que estas medidas contribúan a aliviar o problema da vivenda en Compostela: din no Concello que é a segunda preocupación da veciñanza, e que o prezo do alugueiro anual subiu máis dun 33 por cento dende 2018.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade