O Concello de Santiago remite á Xunta a súa proposta para aplicar a taxa turística
O Concello de Santiago remite á Xunta a súa proposta para aplicar a taxa turística
Detalla os supostos en que sería aplicable o imposto á estancia turística, así como o tipo de gravame e cota tributaria segundo a tipoloxía e categoría dos establecementos
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, remitiu este venres á Xunta de Galicia a 'Proposta de proxecto de lei do imposto sobre estancias turísticas en establecementos da Comunidade Autónoma de Galicia' relativa á aplicación desta taxa na capital galega.
Na misiva dirixida ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, segundo informa o Concello, detalla, entre outras cuestións, os supostos en que sería aplicable o imposto á estancia turística, así como o tipo de gravame e cota tributaria segundo a tipoloxía e categoría dos establecementos en función de se é un complexo hostaleiro, cámping ou área de caravanas.
Xunto coa proposta de proxecto de lei, a alcaldesa tamén lle remite ao presidente un extenso informe sobre a aplicación da denominada taxa turística realizado para o Concello de Santiago polo profesor César García Novoa, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade compostelá.
Este informe baséase nun anterior documento que xa elaborara o mesmo docente e investigador para o goberno anterior, pero cunha actualización que ten data do 1 de agosto de 2023.
Sobre este punto, a alcaldesa asegura que se trata dun asunto de vital importancia para o Concello de Santiago, posto que o destino do recadado permitiría afrontar parte dos sobrecustos de recibir un número de visitantes que ano a ano bate récords.
Entre estes gastos estaría o necesario reforzo de limpeza e de seguridade cidadá, a conservación e rehabilitación do patrimonio, o desenvolvemento de accións de desestacionalización e promoción turística fóra dos tempos e espazos con maior presenza cuantitativa de turistas, ou as campañas de sensibilización por un turismo consciente.
Goretti Sanmartín, na carta que acompaña á documentación, lémbralle ao presidente da Xunta a necesidade de establecer unha reunión institucional para analizar conxuntamente e, na medida do posible, axilizar os trámites co fin de establecer unha regulamentación sobre a mencionada taxa turística.
Ademais da taxa turística, Goretti Sanmartín indica outros temas comúns para tratar entre as dúas administracións, como as necesidades de aparcadoiro na contorna do Hospital Clínico, as urxencias de saneamento e abastecemento no rural de Santiago, o novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio de Música ou o impulso ao Conservatorio de Danza de Santiago de Compostela.
A Xunta cre que “xa era hora” de ter proposta para taxa turística e estuda resposta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que recibiu o proposta pero que aínda non tivo tempo de lela polo que aínda que “estudaremos e daremos unha resposta” non prevé que sexa de forma inmediata.
Rueda asegurou que tentará “ser máis rápido” en dar resposta ao Concello do que foi o Goberno municipal que, segundo el, tardou dez meses en enviar este documento que xa fora comprometido polo anterior alcalde da cidade Xosé Sánchez Bugallo (PSOE) e agora por Goretti Sanmartín (BNG).
“Despois de dez meses de estar a solicitar, por fin chegou, xa era hora” aínda que ao ser remitida “a principios do mes de agosto”, a resposta non será inmediata xa que gran parte dos traballadores do Goberno galego comezan as súas xornadas de vacacións.