Publicador de contidos
Publicador de contidos

O concello de Viana di que o peche da mina de Penouta deixará a comarca como "zona catastrófica"

O concello de Viana di que o peche da mina de Penouta deixará a comarca como "zona catastrófica"

O goberno local asegura que onte "moita xente pensou xa en mudanzas"

O 82 por cento da poboación da comarca depende da mina e os preto de 130 traballadores da explotación mineira están en ERTE desde decembro 

O TSXG anula o permiso de explotación da mina de Penouta, a única de coltán de Europa

 

G24.gal 12/06/2024 10:28 Última actualización 12/06/2024 16:45

Como un ¨xerro de auga fría" sentou no concello ourensán de Viana do Bolo a decisión do TSXG de anular o permiso de explotación da mina de Penouta. A sentenza chega oito meses despois de que o alto tribunal decretase o peche cautelar da explotación e deixase os preto de 130 traballadores en ERTE desde decembro.

O concelleiro de cultura de Viana, Marcos Martínez, asegurou no Bos días da Televisión de Galicia que se o Tribunal Supremo non revoga esta decisión a comarca quedará como unha "zona catastrófica", xa que o 82 por cento da poboación da comarca depende dela.

"O 82 % da poboación da comarca traballaba directa ou indirectamente na mina, e sentounos como un xerro de auga fría.  Deixan isto como unha zona catastrófica".

Marcos Martínez asegura que os negocios comezaron a notar xa como a "actividade económica baixou" e "onte moita xente pensou xa en mudanzas".

O concelleiro de Viana afirma que a mina de Penouta revitalizou un concello que quedara practicamente morto nos anos 80 despois de que Rumasa pechase a explotación. "Nos anos 80, cando Rumasa pechou esta mina, isto estaba cheo de xente e había 600 alumnos en Viana. Deles, quedaron sesenta. Desde 2008 a cifra subiu xa a 140 nenos. Isto estaba medrando e había futuro para a xente nova".

Marcos Martínez afirma que o concello seguirá apoiando a mina e os seus traballadores: "Non estamos de acordo co que está pasando". Segundo sinala, xa non deberon decretar o peche cautelar. "Deberían ter pedido á empresa que emendase o problema e seguise traballando".

Martínez confía en que o Tribunal Supremo fale e "dea boas noticias".

Dende a Xunta de Galicia respectan a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Así e todo, din que presentarán o recurso que corresponda para defender a actividade industrial e o emprego na zona.

"A preocupación maior que agora mesmo temos como goberno é pensar en todos eses traballadores desta comarca, pola importancia que ten para as familias e a economía desta zona" manifestaba María Jesús Lorenzana, conselleira de Industria.

A oposición no Parlamento, BNG e PSdeG, piden, pola súa parte, rigor no estudo ambiental.

A mina leva oito meses paralizada, a raíz dunha denuncia de Ecoloxistas en Acción. A empresa anuncia que tamén vai recorrer. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade