O Concello de Vigo procederá ao desaloxo forzoso de dous inmobles habitados na rúa Fisterra

Segundo a policía, no edificio segue habendo luz, a pesar das advertencias do informe técnico de Urbanismo, e numerosas vivendas permanecen habitadas

G24.gal 26/10/2023 12:15

O Concello de Vigo procederá a executar o desaloxo forzoso e subsidiario dos inmobles situados en Fisterra, 11 e 13 tras comprobar que a propiedade ignorou a resolución de Urbanismo de proceder ao seu inmediato desaloxo e a cortar a subministración de enerxía eléctrica ante o risco que supón o deficiente estado da instalación para os seus moradores, o propio inmoble e os lindeiros.

Así figura nun expediente de Urbanismo do pasado martes que recolle información da Policía Local segundo a cal o pasado día 21 a propiedade obviara a orde de desaloxo do Concello de dous días antes e así continúes este xoves. Segundo a policía, no edificio segue habendo luz, a pesar das advertencias do informe técnico de Urbanismo, numerosas vivendas permanecen habitadas e os seus residentes non parecen ter intención de abandonalas voluntariamente.

O Concello, na súa orde de execución forzosa, sinala tamén os riscos que suporía o corte da electricidade con habitantes no interior dos inmobles ante o risco de que os seus moradores recorresen a solucións alternativas como candeas ou quentadores, que poderían supoñer un risco engadido no caso de que se descontrolasen accidentalmente.

Os edificios Fisterra 11 e 13 son propiedade de Centro Finist S.L., e funcionan como unha pensión sen a pertinente licencia municipal para desenvolver a esa actividade. Así figura nun expediente froito dunha inspección de Urbanismo realizada o 24 de setembro de 2021, no que o inspector afirma: “Como xa se indicou en anteriores inspeccións, este edificio úsase a modo de pensión con persoas de baixos recursos e atópase con graves problemas de salubridade”.

Ademais de dar fe da existencia dunha actividade clandestina, o inspector afirma que o edificio “continúa en moi mal estado de conservación”. Un expediente previo, derivado doutra inspección de Urbanismo, realizada o 1 de marzo de 2019, describe o interior de ambos os inmobles, un de catro plantas e outro de tres, contando en ambos os casos a planta baixa. O inspector describe plantas divididas en cuartos numerados e con fechaduras, todas con acceso a un baño e unha cociña comúns.

O Concello ordenou a semana pasada o inmediato desaloxo de ambos inmobles antes de proceder ao seu baleirado e precintado temporal, “seguindo criterios de seguridade”, segundo explicou o Concello nun comunicado, o que de momento non sucedeu, pois esta mesma mañá podíanse ver lámpadas acesas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade