Santiago implantará a zona ORA na contorna do CHUS pola falta de aparcadoiro
Santiago implantará a zona ORA na contorna do CHUS pola falta de aparcadoiro
Haberá 263 prazas ORA en seis rúas, respectando os residentes, pero sen rotación obrigatoria
O concello e a Xunta negocian un convenio de colaboración para a construción dun aparcadoiro, pero aínda están lonxe de chegar a un acordo
O Concello de Santiago propón implantar a zona ORA na contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago para conseguir unha maior rotación nas prazas de aparcadoiro, un problema que se vai agravar polas obras no centro sanitario.
O Goberno municipal situará 263 prazas ORA en seis rúas, respectando os residentes e sen rotación obrigatoria.
O concelleiro de Mobilidade de Santiago explica que son conscientes de que "sabes cando entras no hospital pero non sabes cando saes. Por iso eliminamos o requisito de mover o vehículo pero si que hai o requisito de que cada dúas horas renovar o tícket de ORA".
O obxectivo, engade, é rematar cos coñecidos como coches ventosa, que pasan días ocupando prazas de estacionamento.
Canda a ORA, o Concello propón reforzar o transporte público e ampliar o aparcadoiro de balde de Santa Marta. Medidas que están nunha contraoferta ao convenio de colaboración que propón a Xunta.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, defende que "nós ofrecemos un marco de colaboración similar ao proposto e asinado cos concellos da Coruña e Pontevedra para mellorar a mobilidade e a integración do hospital".
A Xunta estuda xa a documentación remitida polo concello. O martes retomarán os contactos para definir as súas propostas.