O Congreso aproba a reforma do aborto e a lei trans
O Congreso aproba a reforma do aborto e a lei trans
A lei trans permitirá o cambio de sexo no rexistro sen necesidade de informes médicos nin tratamentos
E a lei do aborto busca garantir as interrupcións voluntarias do embarazo en centros sanitarios públicos
O Congreso aprobou definitivamente este xoves dúas leis primordiais do Ministerio de Igualdade: a coñecida como lei trans, que permitirá o cambio de sexo no rexistro sen necesidade de informes médicos nin tratamentos, e a reforma da lei do aborto, que entre outras cousas acaba coa necesidade de contar co consentimento paterno para as menores de 16 e 17 anos e consagra a rede pública como referente para practicar a interrupción do embarazo.
Despatoloxizar o proceso autodeterminación de xénero
A lei trans saíu adiante cos apoios do PSOE, Unidas Podemos e o bloque da investidura tras superar as discrepancias entre os socios de Goberno e parte do movemento feminista polas diferenzas de criterios sobre os menores trans e a autodeterminación de xénero.
O texto recoñece a vontade da persoa como único requisito para cambiar de sexo no rexistro a partir dos 16 anos, despatoloxizando o proceso, e introduce varios avances para a comunidade LGTBI.
Salvado o escollo que fixo perigar a lei durante a súa tramitación parlamentaria despois de que o PSOE presentase unha emenda que propoñía que os menores de 16 contasen cunha autorización xudicial para cambiar de sexo no rexistro que foi rexeitada, o PSOE sumouse tamén á celebración.
A deputada socialista, Raquel Pedraja, asegurou a lei que fará de España "un país máis xusto e respectuoso coa súa diversidade" e puxo en valor o traballo do seu partido.
Desde o Partido Popular, a deputada María Jesús Moro alertou dos "graves defectos" e as "consecuencias lesivas" que ao seu xuízo traerá esta lei, e dirixiuse ao PSOE para "rogarlle" que paren a norma.
Á ministra de Igualdade pediulle que non venda esta lei como un éxito. "Non se ría das bágoas que provoca". "Non a esta lei, non a este novo si é si", dixo en referencia á lei de garantía integral da liberdade sexual.
Reforma do aborto tras o aval do Constitucional á lei de prazos
O Congreso dos Deputados deu luz verde de forma definitiva á reforma da lei do aborto con 185 votos a favor, 154 votos en contra e tres abstencións de deputados de PdeCat. Sae a adiante coa oposición de PP e Vox e no medio da polémica pola resolución do Tribunal Constitucional, que avalou a lei de prazos de 2010 recorrida polo PP.
A lei, que permite abortar libremente ás mulleres maiores de 16 anos durante as primeiras 14 semanas de xestación, elimina o requisito introducido en 2015 polo Goberno do PP que obrigaba ás menores de 16 e 17 anos a contar co consentimento dos seus representantes legais e establece os hospitais públicos como centros de referencia para esta práctica.
A ministra de Igualdade, Irene Montero, que celebrou o apoio da maioría feminista do Congreso a esta reforma, alertou de que haberá resistencias á hora de aplicar a lei, tal e como ocorreu en todas as normas feministas.
Por iso, sinalou que agora toca traballar coas comunidades autónomas, os centros sanitarios e as administracións competentes para garantir que en todos os hospitais públicos haxa persoal suficiente para realizar abortos, respectando o dereito á obxección de conciencia dos sanitarios.
O texto recolle a creación dun rexistro de obxectores de conciencia para o persoal sanitario e elimina a obrigación de informar á muller sobre as prestacións e axudas de apoio á maternidade e tamén o prazo de reflexión de tres días.
A deputada do PP Marta González criticou que se prohiba informar ás embarazadas que van abortar das alternativas e axudas ás que poden acollerse, e denunciou que, con esta medida, o Goberno trata de maneira infantil ás mulleres impedindo que poidan tomar unha decisión de maneira consciente.
Desde o PSOE, Laura Berja afeoulle ao PP o "espectáculo" desta semana coas afirmacións de Alberto Núñez Feijóo sobre o aborto e a decisión do Constitucional, e celebrou que "o bo de que o aborto sexa un dereito" é que non depende do PP senón da maioría social e política que o fixo lei.