O Congreso garda un minuto de silencio polo naufraxio do pesqueiro galego
O Congreso garda un minuto de silencio polo naufraxio do pesqueiro galego
"O Congreso quere sumarse á dor dos familiares e amigos dos falecidos", dixo a presidenta do Congreso
"Todo o cariño por parte do Goberno de España ás familias do pesqueiro que se afundiu en Terranova", expresou Yolanda Díaz
O líder da oposición Pablo Casado amosou o seu apoio aos familiares e dixo agardar que os servizos de emerxencias poidan atopar o resto dos mariñeiros
O pleno do Congreso iniciou a súa sesión de control do Goberno gardando un minuto de silencio en apoio aos familiares e amigos dos mariñeiros mortos e desaparecidos no naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo, con base en Marín.
A presidenta do Congreso Meritxell Batet pediu sumarse á dor dos familiares e amigos dos falecidos e mostrar apoio e ánimo polo grave accidente ocorrido nas augas canadenses de Terranova:.
"España esperta hoxe consternada polo naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo, e o Congreso quere sumarse á mágoa dos familiares e amigos dos falecidos", instou Batet, despois de que os parlamentarios gardasen un minuto de silencio, de pé, nos seus escanos.
O pesqueiro afundiuse na madrugada deste martes con 24 tripulantes a bordo. Ata o momento tres mariñeiros foron rescatados con vida, recuperáronse os cadáveres doutros dez e once aínda están desaparecidos.
Así mesmo, a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo Yolanda Díaz amosou no seu nome e en nome de todo o Goberno as súas condolencias ás familias galegas dos mariñeiros.
"Todo o cariño por parte do Goberno de España ás familias do pesqueiro que se afundiu en Terranova", dixo antes de entrar no hemiciclo.
O líder da oposición Pablo Casado tamén quixo mostrar o seu apoio aos familiares iniciando a súa pregunta ao presidente do Goberno Pedro Sánchez e confiou en que os servizos de emerxencias poidan atopar ao resto dos mariñeiros.