O Congreso tramitará unha lei para ofrecer a nacionalidade española aos saharauís
O Congreso tramitará unha lei para ofrecer a nacionalidade española aos saharauís
A proposición de lei, defendida por Unidas Podemos, contou co apoio de todos os grupos salvo o PSOE, que votou en contra, e Vox, que se abstivo
Podemos propón que os nados antes de febreiro de 1976 e os seus descendentes directos poidan obter a nacionalidade española
O Congreso apoiou este martes tramitar unha lei para ofrecer a nacionalidade española aos saharauís nados baixo soberanía española.
A proposición de lei, defendida por Unidas Podemos, contou co apoio de todos os grupos salvo PSOE e Vox, que se abstivo.
O pleno do Congreso apoiou así tomar en consideración unha iniciativa que propón que os nados antes de febreiro de 1976 e mais os seus descendentes directos en primeiro grao de consanguinidade poidan obter a nacionalidade española polo procedemento de “carta de natureza”.
Trátase dunha iniciativa que pretende “facer xustiza polo agravio histórico” cara ao pobo saharauí, cuxos cidadáns eran españois ata que en 1976 España comunicou á ONU “o abandono do territorio”, defendeu o deputado de EU Enrique Santiago.
O PSOE votou en contra a pesar de que “coincide” co seu socio de Goberno en que “existe un agravio ao pobo saharauí respecto a outras comunidades como Guinea Ecuatorial” pero non coinciden no procedemento que propón Unidas Podemos.
“Compartimos a meta, que é acabar cun agravio, pero non compartimos o deseño” xa que o procedemento establecido para todos os cidadáns de excolonias españolas é o de residencia abreviada de dous anos.
"O camiño correcto é igualar procesos, non crear procesos exprés para situacións análogas”, argumentou o deputado socialista Sergio Gutiérrez.
Un tras outro, os portavoces dos grupos expresaron o seu apoio á iniciativa e reprocháronlle a Unidas Podemos que non a defenda no Consello de Ministros senón no Parlamento.
Tamén acusaron o socio do Goberno de pretender “lavar a súa conciencia” por abandonar o pobo saharauí ao apoiar o cambio de postura de España sobre o Sáhara.