Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso vota este xoves os decretos de subsidio de desemprego

O Congreso vota este xoves os decretos de subsidio de desemprego

Tamén votará o de axudas ao transporte para mozos

G24.gal 19/06/2024 20:17 Última actualización 20/06/2024 08:48

O Pleno do Congreso dos Deputados debaterá e votará este xoves dous decretos lei sobre a reforma do subsidio por desemprego e o programa de descontos de ata o 90 % en transporte para mozos no verán de 2024.

Os dous decretos están en vigor, pero agora o Congreso debe decidir se valida ou derroga as normas impulsadas polo Goberno.

Como en anteriores votacións, o Goberno atópase en minoría na Cámara Baixa, polo que terá que negociar cos diferentes grupos parlamentarios para asegurar os apoios suficientes e que non suceda como co primeiro decreto para a reforma do subsidio por desemprego, que decaeu en xaneiro polo voto en contra de PP, Vox, UPN e Podemos.

O subsidio mantén a base das persoas maiores de 52 anos

O voto en contra da formación morada produciuse porque consideraban que a norma liderada pola vicepresidenta segunda Yolanda Díaz incluía un recorte nas prestacións do subsidio por desemprego para as persoas maiores de 52 anos.

En concreto, o decreto que non chegou a validarse rebaixaba progresivamente a base de cotización para a xubilación deste colectivo para compensar as últimas subidas do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

A norma que se debaterá este xoves, pactada cos sindicatos pero non coa patronal, non inclúe esa rebaixa da base de cotización, que se mantén no 125 % do SMI.

Podemos celebrou esta decisión, polo que previsiblemente votarán a favor da validación do decreto. Tamén se conta co apoio do PNV ao incluír a prevalencia dos convenios autonómicos ou provinciais sobre os estatais ou sectoriais.

Cos catro votos de Podemos, ao Executivo si que lle sairían as contas para validar o decreto, mesmo cunha abstención de Junts. Pero se os de Carles Puigdemont deciden rexeitar o texto e sumar os seus votos aos de PP, UPN e Vox, tombaríano.

Renovación do programa Verán Mozo 

O outro decreto que se debaterá e votará será o Programa Verán Mozo 2024, unha iniciativa que se puxo en marcha o ano pasado e coa que as persoas de entre 18 e 30 anos poden ter descontos de ata o 90% en viaxes en tren, autobús e Interrail por España e Europa.

Sobre o programa só se pronunciou Vox, que aínda que non adiantou o sentido do seu voto. A formación de extrema dereita tachou o programa de "propaganda" do PSOE para gañar os votos das persoas mozas.

O ano pasado este programa aprobouse nun decreto 'ómnibus' que incluía moitas medidas, pero este ano o Executivo decidiu redactar un decreto que só inclúe os descontos ao transporte para os mozos.

Do programa, que conta cun orzamento de 130 millóns de euros, poderanse beneficiar os nados entre o 1 de xaneiro de 1994 e o 31 de decembro de 2006 e que posúan a nacionalidade española ou estranxeira con residencia legal en España.

Os descontos, que se aplicarán en viaxes de entre o 1 de xullo de 2024 e o 30 de setembro de 2024, irán desde o 90% para os servizos de media distancia convencional e para as viaxes en autobús regular de competencia estatal, do 50% nos títulos sinxelos de Avant e para a alta velocidade cun máximo de 30 euros por billete, así como un desconto do 50% do Global Flexible de Interrail de dez días en dous meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade