Román Rodríguez agoira un "impacto moi cativo" do borrador da nova FP
Román Rodríguez agoira un "impacto moi cativo" do borrador da nova FP
O conselleiro de Educación di que a maioría das medidas que inclúe o Ministerio xa están implantadas en Galicia
Anuncia para marzo a articulación dun sistema que lle dea cobertura ao profesorado técnico afectado pola LOMLOE
A finais deste curso estará completado para a súa presentación o deseño do Plan Conecta FP
O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, considera que o borrador de decreto que ordena a formación profesional e que este xoves se tratou no consello escolar do Estado apenas terá impacto en Galicia ou como moito un "impacto moi cativo".
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Román Rodríguez afirma que moitas das medidas que o Ministerio inclúe nesta futura norma xa están implantadas na nosa comunidade dende hai tempo.
Para Rodríguez, con este borrador preténdese "dar aparencia de facer cando non se fai ou se fai moi pouco".
"Estase ante unha operación de aparencia política. En Galicia vai ter un impacto moi cativo. Algunhas das cousas que nós temos pedido inclúeas. Iso tamén é certo. Por exemplo, nós temos demandado que se articulen pasarelas para validar créditos entre a Universidade e a FP de grao superior. Parece ser que collen a nosa recomendación. Hai algunhas que tamén temos formulado que non se recollen. Como, por exemplo, a demanda que temos feito para que se poida habilitar a figura de profesor moi semellante á de profesor asociado".
Román Rodríguez avisa, ademais, da necesidade dun calendario de implantación que non xere problemas como aconteceu -opina- coa Lei de educación, a LOMLOE.
"A Lei da FP marca unha data pero o decreto que desenvolve a aplicación e o desenvolvemento non está enriba da mesa nin tan sequera en forma de borrador" e agoira que se non se fai con diálogo podería acabar implantándose dunha forma "atropelada".
Profesorado técnico
O conselleiro de Educación anunciou na entrevista que entre finais deste mes de febreiro e comezos de marzo a Xunta terá articulado un sistema para darlles cobertura ao profesorado técnico da FP, cuxo corpo está chamado a extinguir na LOMLOE.
Para Román Rodríguez, o Goberno central errou varias veces porque primeiro xerou un problema e logo intentou darlle solución pero "vai de erro en erro".
Rodríguez explica que as comunidades son as que agora intentar solventar os problemas de equiparación salarial e condicións laborais a profesores especialistas de FP que pola súa profesión non teñen grao universitario que agora a norma lles esixe.
"Estamos actuando sobre un marco legal de competencia estatal que nos dificulta as solucións que parecen moi lóxicas. Estamos facendo informes, avaliando posibilidades. Contamos que ben a finais de febreiro ben a principios de marzo poidamos ter unha solución, poidamos ter isto encamiñado para darlle unha resposta a este colectivo que é fundamental para que a formación profesional avance".
Plan Conecta FP
O conselleiro de Educación tamén se referiu ao Plan Conecta FP, iniciativa da Xunta dotada con máis de 30 millóns de euros para crear nos dous próximos cursos 9.500 prazas para estudar formación profesional.
Reiterou que 4.500 desas prazas ofertaranse en setembro deste ano e que no deseño do plan están traballando con asociacións sectoriais e territoriais.
"Todo isto vai plasmarse na oferta formativa que se presentará -coma sempre- tirando ao final deste curso actual para que os alumnos se poidan matricular".
Nova ABAU
Román Rodríguez tamén avaliou o transcendido do novo borrador do Goberno central para as probas de acceso á universidade, a ABAU, e prevé dificultades técnicas para poder levalas a cabo.
"Formúlase un exame que creo que vai xerar unha gran dificultade mesmo técnica para o seu desenvolvemento e para poder avalialo". E engade que "un exame por competencias implica unha tipoloxía de avaliación que, en moitas ocasións, vai implicar que varios profesores van corrixir o mesmo exame".