A Xunta activará un novo bono comercio no outono tras o "éxito" do de maio
A Xunta activará un novo bono comercio no outono tras o "éxito" do de maio
Segundo o conselleiro, a campaña de maio mobilizou 12 millóns de euros en compras
Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, coincidiron en reprochar a González a falta de execución dos orzamentos do seu departamento
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, anunciou que no outono se porá en marcha unha nova edición do Bono Activa Comercio, tras o "éxito sen precedentes" da actual convocatoria que se iniciou o 26 de abril e esgotou o crédito en cinco días.
Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, para explicar as liñas estratéxicas da súa Consellería, considerou que hai en Galicia unha "tendencia positiva no emprego", aínda que citou como principais problemas a escaseza de man de obra en certos sectores, o desemprego de longa duración, ou o "elevado" absentismo laboral, dun 7,8 %, a maior taxa das comunidades autónomas.
Trátase de "casar mellor a oferta e a demanda", constatou, para o que será moi útil a nova ferramenta tecnolóxica de intelixencia artificial EMI, implantada nas 54 oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, afirmou.
Na súa comparecencia preconizou "flexibilizar" a formación para o emprego e, neste sentido, dar máis fondos para "empresas que crean postos de traballo". É necesario "profundar no financiamento das empresas creadoras de traballo", insistiu, ao asegurar que se destinan 8 millóns de euros en unidades formativas, pero a Xunta prevé poñer aínda "máis diñeiro" para formacións de curta duración e "microcredenciais" para adaptar a capacidade dos traballadores ás necesidades empresariais. Os traballadores "teñen que asumir a capacidade de reinventarse", dixo, non para asumir empregos de menos calidade senón para adaptarse mellor aos postos vacantes.
No ámbito de comercio, apostou por impulsar e consolidar o comercio polo miúdo, coa elaboración dun mapa de establecementos para determinar cales hai que manter de maneira prioritaria e abordar un plan de substitución xeracional.
Foi neste marco en que informou dunha nova convocatoria do bono comercio, despois de que a quinta edición, que ascendía a 2,5 millóns de euros, se esgotase a tan só cinco días de iniciarse o prazo de descarga por parte dos particulares dos bonos de descontos de ata 30 euros para as compras nos establecementos adheridos ao programa.
A campaña saldouse con 6.850 comercios sumados á iniciativa nas catro provincias, con preto de 300.000 bonos descargados e con 12 millóns de euros mobilizados en compras. O seu prazo inicial era ata o 15 de setembro, pero ao esgotarse o crédito o programa finalizou nos primeiros días.
Tamén destacou a necesidade de fomentar o emprendemento, un ámbito no que o comercio é "un elemento fundamental" da Consellería, con iniciativas como reformular os centros comerciais abertos, ou dinamizar as prazas de abastos, entre outras medidas.
José González tamén anunciou a próxima incorporación de Sarria e de Vilanova de Arousa é rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego coa nova creación de senllos centros.
Segundo detallou, os 13 centros activos cos que conta esta rede na actualidade atenderon máis de 5.000 titorías e asesoraron 1.900 proxectos empresariais, desde a súa posta en marcha hai dous anos.
González situou igualmente como prioritaria a atención os emigrantes galegos retornados e asegurou que se insistirá no Programa Retorna Cualifica Emprego para ofrecer en orixe traballos a quen desexe regresar, xunto con formación e axudas para establecerse nesta comunidade.
Para reverter a pirámide demográfica de Galicia, con cada vez máis persoas maiores, é necesario "traballar cos que veñen de fóra", dixo, tamén en referencia aos inmigrantes. O conselleiro indicou que hai uns 12.000 inmigrantes en situación irregular en Galicia os que se ofrece formación para o arraigamento e facilitar a súa integración laboral.
Trátase dunha liña na que a Xunta seguirá "perseverando" e reclamará ao Goberno central que "facilite os trámites de estranxeiría para acurtar os prazos da regularización", dixo.
A oposición reprocha falta de execución na consellería
Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, coincidiron en reprochar a González a falta de execución dos orzamentos do seu departamento, que a socialista Carmen Rodríguez Dacosta cifrou en 409 millóns de euros nos últimos dous anos, e considerou que a Consellería "non cumpriu como debería" dado que a última titular, Elena Rivo, estivo menos dun ano.
O deputado nacionalista galego Ramón Fernández Afonso falou de 650 millóns de euros sen executar entre 2019 e 2023 en formación para o emprego e criticou a "autocompracencia" do conselleiro a pesar da "falta de oportunidades laborais" en Galicia e á "sangría" que se está producindo no comercio.
Para González é máis importante mirar "a eficiencia" do gastado que o que se deixa por gastar, algo que defendeu tamén o único deputado do grupo mixto, Armando Ojea (Democracia Ourensana), quen reclamou á Xunta máis iniciativas de 'coworking' e de novas tecnoloxías e menos "plantas contaminantes" en Galicia.