Publicador de contidos
Publicador de contidos

O conselleiro de Lingua reclama que o galego quede "fóra do debate político"

O conselleiro de Lingua reclama que o galego quede "fóra do debate político"

José López Campos asegura que o pacto pola lingua que ofrece é "para chegar a acordos cando se queira negociar"

O titular da nova consellería gaba o "traballo extraordinario" do centros escolares na implantación do decreto de plurilingüismo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no programa 'Bos días' da Televisión de Galicia
G24.gal 24/05/2024 09:18

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, é unha das incorporacións do novo equipo de Alfonso Rueda na Xunta de Galicia, e está á fronte da única consellería de nova creación en que, por primeira vez, o galego ocupa un lugar preeminente.

"Foi un gran acerto por parte do presidente poñer o foco na cultura e na lingua en Galicia, que estaban un pouco solapadas por todo o ámbito educativo, que é unha área de xestión moi potente", asegurou este venres o conselleiro na entrevista do programa Bos días da Televisión de Galicia.

Os primeiros días da estrea desta nova consellería cadraron con moitos días significativos, como a celebración das Letras e as feiras do libro, e, na primeira intervención parlamentaria do seu titular, este ofreceu á oposición un pacto pola lingua.

"Nesa primeira comparecencia no Parlamento era importante lanzar as liñas mestras dos próximos catro anos nesta consellería; unha estratexia que está marcada por un programa electoral. O Partido Popular gañou as eleccións hai tres meses cun respaldo maioritario por parte dos galegos o proxecto político de Alfonso Rueda. O presidente quere escoitar as opinións de todas as forzas políticas e de todos os sectores que participan no ámbito cultural e lingüístico. Ese pacto é honesto, para escoitar esa realidade e, a partir de aí, intentaremos, na medida do posible, chegar a acordos cando se queira negociar. Nós entendemos que a lingua debería estar fóra do debate político, non favorecemos en absoluto o emprego da lingua galega se o estamos introducindo constantemente nun debate que non ten resultado positivo. Sería interesante baixar o ton no uso da lingua, que é o noso maior patrimonio cultural e, a partir de aí, intentar chegar a acordos", remarcou López Campos. 

Sobre a perda de falantes de galego, o conselleiro considera que "temos un problema no uso". "No ámbito educativo o debate está superado, hai un decreto [Decreto 79 / 2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia] que está funcionando e cuxa implantación está normalizada nos centros educativos, e despois temos o problema do uso real. Na parte do prestixio, todas as institucións, como esta casa, e a parte política asumimos con normalidade que temos que utilizar o galego. Con todo, detectamos, no ámbito urbano nalgúns sectores da poboación que nos está custando que o galego poida usarse con normalidade. Aí temos que buscar fórmulas, nun escenario completamente distinto, porque nada ten que ver a Galicia de hoxe, de 2024, coa que tiñamos cando se aprobou o Plan de Normalización Lingüística [1983]. Hai novas plataformas, novos medios en que temos que normalizar o galego para que a xente nova o utilice con normalidade", detallou.

A propósito da súa participación na gala Dígocho Eu, un dos seus primeiros actos como conselleiro de Lingua, López Campos gabou o traballo extraordinario do eido educativo na implantación do decreto. "A xente está máis sensibilizada que nunca, hai máis grao de coñecemento do galego que nunca e utilízase con normalidade pasmosa", afirmou. "É a mellor forma que temos para transmitir que o galego é unha lingua viva, temos unhas xeracións ás que lles temos que ceder a testemuña deste gran patrimonio que é a lingua galega e, desde logo, estamos en moi boas mans, estes cativos utilízana moi ben e, como lles dixen nese acto, o mellor xeito de coidar a nosa lingua é falala, o que temos garantido, neste caso". 

Outro dos obxectivos anunciados desta consellería é o pacto estratéxico para a cultura galega de cara ao horizonte 2030, o que implica reunións coas principais institucións do país, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, o Museo do Pobo e o Clúster do Audiovisual, entre outros. 

"Temos un tecido cultural extraordinario, estamos nun gran momento e temos que sentirnos orgullosos, e ás veces nos falta ese punto de recoñecemento que si ten calquera produción galega a nivel nacional e internacional", subliñou. O conselleiro lembrou que o sector que dá traballo a 36.000 persoas e achega unha parte importante do PIB [2,5 % do PIB en 2021, fonte: Instituto Galego de Estatística]: "ademais de ser unha parte da nosa cultura e da nosa tradición, é unha industria que temos apoiar e escoitar e ese é un dos motivos polos que se crea este consellería, para ter atención, proximidade...".

A mocidade é outro eixe deste departamento do Goberno autonómico en tanto que pretende coordinar as accións para este sector de idade que se poñen en marcha desde outras consellerías, como vivenda, emprego, saúde mental.

A estratexia tamén está dirixida a acadar "unha lei de emancipación que garanta que os mozos teñan unha vida propia nunha idade razoable e que poidan adquirir ou teñan a posibilidade de ter unha vivenda en propiedade ou un alugueiro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade