Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Consello da Avogacía asesora de balde sobre os cambios que introduce a Lei de vivenda

G24.gal 23/05/2023 09:03

O Consello Galego da Avogacía renovou coa Xunta o convenio para prestar asesoramento legal a inquilinos ou propietarios de vivenda, como vén facendo desde 2020. O organismo está a elaborar unha nova versión da guía que orienta sobre como actuar en caso de desafiuzamento ou de ocupación ilícita dun inmoble, pero tamén presta axuda legal de xeito personalizado.

A presidenta deste organismo, Lurdes Carballo, explicaba nunha entrevista, no Galicia por diante da Radio Galega, que o servizo está dispoñible "para quen chama pedindo información sobre que facer para manterse na súa vivenda ou recuperar a súa vivenda. Pode ser tanto por parte do propietario como por parte dunha persoa que está desafiuzada porque non paga a renda". Neste último caso, non só asesoran sobre o procedemento xudicial, senón tamén sobre as axudas sociais dispoñibles.

A nova edición da guía inclúe as novidades que presenta a acabada de aprobar Lei de vivenda, que incrementa a protección ás persoas en situación de vunerabilidade. Unha circunstancia que pode darse tanto no inquilino ou propietario que non pode pagar a hipoteca como do arrendador que ten unha situación económica precaria: "Particularmente, en Galicia hai moitas persoas que dispoñen dunha ou dúas vivendas, ademais da habitual, coa que perciben un alugueiro co que complementan a súa pensión; ao mellor unha pensión que non lles alcanza para satisfacer todas as necesidades que esa persoa ten", explica Carballo.

O asesoramento do Consello Galego da Avogacía préstase de xeito presencial e telefónico. O número para contactar é o 900 121 221.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade