O Consello da Xunta renovará o vindeiro luns o seu convenio co CiQUS
O Consello da Xunta renovará o vindeiro luns o seu convenio co CiQUS
Alfonso Rueda comprometeu o apoio do Goberno galego á investigación científica
A Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia (CIGUS) conta con oito centros acreditados en que traballan 1.650 científicos
A USC pide financiamento estrutural para desenvolver investigación
O presidente da Xunta Alfonso Rueda comprometeu o apoio do Goberno galego á investigación científica. Así o expresou durante a súa visita este martes ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), en Santiago de Compostela, onde Rueda remarcou que no comezo dunha lexislatura os símbolos e as mensaxes que se mandan "son importantes".
"Agardo que dentro de catro anos poidamos dicir que a nosa aposta pola investigación era unha aposta real, máis aló dun compromiso de principios de lexislatura", argumentou Rueda.
Asegura que en Galicia se fai "investigación da boa e de primeiro nivel" e avoga tanto por captar talento que vén de fóra como por reter o de aquí. Por iso, defende "poñer os medios" para "non só mantelos" senón para seguir "medrando".
Referiuse tamén ao apoio á estabilidade de investigadores, para que teñan a necesaria "tranquilidade", "tempo" e "retribución" para afrontar os seus traballos. Pon o foco no cambio que realizou no organigrama da Xunta ao vencellar todo o relacionado coa investigación co mundo da educación, xa que a Consellería de Educación tamén pasa a denominarse de Ciencia.
Alfonso Rueda avanzou que no Consello da Xunta do próximo luns se renovará o convenio do Executivo autonómico co CiQUS. Dixo que é partidario de "manter e estender" toda esta rede.
A Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia (CIGUS) conta na actualidade con oito centros acreditados en que traballan 1.650 científicos.
A USC pide financiamento estrutural para investigación
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, destaca a "novidade" desta nova lexislatura ao integrar a parte de Ciencia con Educación. Subliña como "imprescindible" a necesidade de financiamento para investigación "tan estrutural" como o apoio para docencia.
Mentres, o director do CiQUS, José Luis Mascareñas, agradeceu esta visita como "un xesto moi importante" aos poucos días de tomar posesión por parte de Rueda, o cal identifica cun "sinal" dunha "forte aposta pola ciencia".