Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno sobe o subsidio por desemprego a 570 euros

O Goberno sobe o subsidio por desemprego a 570 euros

O subsidio sobe a 570 euros os seis primeiros meses, 540 euros nos seis seguintes e mantense na cifra actual, 480 euros, o resto do tempo

Tamén poderán solicitalo os menores de 45 anos sen cargas familiares

G24.gal 19/12/2023 10:47 Última actualización 19/12/2023 19:49

Tras semanas de desencontros entre a ministra de Economía, Nadia Calviño, e a de Emprego, Yolanda Díaz, o executivo chegou este martes a acordo para reformar o subsidio por desemprego, a axuda que se percibe tras esgotarse a prestación do paro.

O subsidio sobe a 570 euros os seis primeiros meses, 540 euros nos seis seguintes e mantense na cifra actual, 480 euros, o resto do tempo da axuda, que pode chegar aos 30 meses.

A reforma tamén amplía os beneficiarios, incluíndo agora os menores de 45 anos sen cargas familiares e os traballadores eventuais do agro. Ademais, poderá compatibilizarse cun salario durante seis meses.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, a vicepresidenta segunda restoulle importancia ás discrepancias mantidas dentro do executivo asegurando que "no Goberno de España, os debates non van por camisolas, van por materias". Yolanda Díaz recoñeceu que as negociacións foron "arduas, intensas e apaixoadas", pero que se solventaron "con diálogo".

O acordo dentro do executivo chega in extremis, porque esta reforma é, precisamente, unha das condicións que ten que cumprir España para seguir recibindo fondos europeos. Unha vez sufocado o debate interno, o executivo vai solicitar mañá mesmo á Comisión Europea o desembolso de 10.000 millóns de euros.

O Consello de Ministros tamén aprobou este martes outra medida laboral: que os traballadores poidan acumular o permiso de lactación no tope dos 28 días, aínda que non estea recollido no seu convenio colectivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade