O Tribunal Constitucional avala a lei galega de litoral
O Tribunal Constitucional avala a lei galega de litoral
O TC tomou a decisión por unanimidade e só rexeita dous dos 72 preceptos da norma
A sentenza inclúe un voto dunha maxistrada que advirte dos riscos ambientais a longo prazo
Alfonso Rueda: "Galicia poderá exercer o seu dereito a odenar a súa costa"
O Pleno do Tribunal Constitucional (TC) avalou por unanimidade a lei galega de litoral despois de que o Goberno central presentase recurso contra diversos preceptos, o que deu lugar á súa suspensión parcial.
A sentenza do Constitucional, que foi aprobada por unanimidade e da que é relator o maxistrado César Tolosa Tribiño, desestima 70 das 72 impugnacións incluídas no recurso de inconstitucionalidade interposto o pasado 11 de outubro polo Goberno central.
Así, descarta que Galicia deba modificar o seu Estatuto de Autonomía para "outorgar autorizacións de utilización e ocupación do dominio" ao entender esta función "na competencia exclusiva sobre ordenación do territorio e do litoral".
O Parlamento de Galicia aprobou en xullo de 2023 a nova lei do litoral —con votos a favor do PP e abstención do BNG e PSdeG—, que prevé a asunción por parte da Xunta das competencias en xestión do espazo marítimo terrestre.
A sentenza rexeita que a regulación dos instrumentos de ordenación do litoral e dos concretos usos que podían realizarse no mesmo sexan contrarios ás disposicións da lexislación estatal de preservación do dominio público marítimo terrestre.
A sentenza basea a desestimación en varios argumentos: en primeiro lugar, en que os preceptos impugnados en abstracto non contraveñen a normativa estatal e que a lei galega salvagarda o cumprimento das esixencias establecidas na lexislación estatal de costas; e, en segundo lugar, en que "permanecen incólumes as facultades estatais, como titular do dominio público marítimo-terrestre, se no caso concreto, a autorización ou o concreto plan aprobado incumprise a lexislación en materia de costas".
Unicamente, decláranse inconstitucionais a posibilidade de que os sistemas de recollida, almacenamento, tratamento e vertedura de augas residuais poidan ocupar o dominio público marítimo-terrestre ao contravir a lexislación estatal, así como o trato privilexiado das embarcacións galegas fronte ao resto de embarcacións.
O Pleno do TC atrasara esta decisión ata en dúas ocasións "debido á súa complexidade xurídica e técnica". Apuntaba á "transcendencia" que terá esta resolución sobre a Lei 4/2023, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, "xa que se pode converter nun precedente importante".
Finalmente, interprétase que "os establecementos da cadea mar-industria alimentaria poderán ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre ou comprendidos na zona de servidume de protección unicamente cando requiran a captación e retorno de auga de mar para o desenvolvemento dos seus procesos produtivos ou comerciais sempre que pola súa natureza non poidan ter outra localización no caso de que a ocupación sexa en terreos do dominio público marítimo-terrestre, e no caso de que a ocupación sexa na zona de servidume de protección, cando presten servizos necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre".
Pola súa banda, a maxistrada María Luisa Balaguer está de acordo con o fallo da sentenza pero expón un voto concorrente, no que expón o seu criterio en relación co insuficiente alcance da cobertura estatutaria da competencia autonómica.
O voto fai fincapé nos riscos de que algúns argumentos da sentenza poidan conducir, na súa proxección a longo prazo, a unha rebaixa dos estándares de protección ambiental que debesen ser particularmente preservados nun indubidable contexto de cambio climático.
Alfonso Rueda: "Galicia poderá exercer o seu dereito a odenar a súa costa"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitouse tras coñecer a noticia e nunha publicación na rede social X, antes Twitter, dixo "Galicia poderá exercer o seu dereito a ordenar a súa costa, a nosa riqueza".
E engadiu: "Lamento a falta de diálogo e o trato discriminatorio do Goberno Central, que agora o deixan quedar en evidencia. Isto era perfectamente evitable".
O @TConstitucionE rexeita por unanimidade o recurso do Goberno Central contra a Lei do Litoral da @Xunta.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 23, 2024
Galicia poderá exercer o seu dereito a ordenar a súa costa, a nosa riqueza. Lamento a falta de diálogo e o trato discriminatorio do Goberno Central, que agora o deixan… pic.twitter.com/By5kFG5763
"Grazas, unha vez máis, a todos os que traballaron e achegaron no esforzo colectivo desta lei", di o presidente da Xunta, quen conclúe: "Galicia sae gañando".
A conselleira de Medio Ambiente estende o reproche aos partidos da oposición en Galicia.
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, "Só atopamos predras no camiño, e falo tamén do BNG e do PSOE, que agardo que agora entendan que cando se fala de Galcia hai que estar do lado dos galegos. Agora queda moito por facer pero xa sabemos que podemos xestionar o litoral galego desde a triple visión social, ambiental e económica", dixo Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.