O Coruxo exhibe pegada ante un Bergantiños sen gol (3-0)
O Coruxo exhibe pegada ante un Bergantiños sen gol (3-0)
O Coruxo acabou goleando no Vao, nun partido en que sufriu nos primeiros 45 minutos ante un Bergantiños que gozou das mellores ocasións, e tivo o acerto que lle faltou ao rival na continuación.
Entrou mellor no partido o Bergantiños, que tiña a primeira xogada clara aos dez minutos. Dani Pedrosa remataba totalmente só. pero o balón marchaba preto do pau. O Coruxo comezou a achegarse á área rival a partir do minuto 15, pero os de Carballo seguían atopando espazos e creando ocasións á contra. Carlos López dispuxo doutra clara ocasión no man a man que parou Alberto. No treito final da primeira metade, os de Lemos gozaron doutro par de boas ocasións de abrir o marcador, especialmente unha falta de Agulló que despexou Alberto.
O 0-0 mantívose ata o descanso e, nada máis volveren dos vestiarios, Pitu Doncel aproveitou a primeira clara do Coruxo para adiantar o equipo vigués cun axustado remate lonxe do alcance de Santi Canedo. Os dos irmáns Montes atopaban a vantaxe nunha acción illada e agardaron o seu momento para sentenciar o choque. Chegou a quince da conclusión, logo dun córner que aproveitou Chiqui para anotar un golazo cun remate de calidade.
O dous a cero deixou sen opcións o Bergantiños, que seguiu buscando o gol sen premio. E Chiqui aproveitou para asinar o dobrete noutra contra, cando quedaban cinco minutos para a conclusión. 3-0 e castigo excesivo para o Bergantiños, que segue na zona vermella, con 16 puntos. O Coruxo engánchase á zona alta da táboa con 25.