O debate de investidura de Rueda será o 9 e 11 de abril e tomará posesión o día 13
O debate de investidura de Rueda será o 9 e 11 de abril e tomará posesión o día 13
Esta é a proposta de calendario que trasladará Santalices á Mesa e á Xunta de Portavoces, que se reunirán o vindeiro luns 25 de marzo
O martes 16 de abril procederase á sesión solemne de apertura da XII lexislatura no Parlamento de Galicia
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, propón celebrar o debate de investidura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, os próximos martes 9 e xoves 11 de abril, co que o novo titular do Goberno galego tomaría posesión do seu cargo o sábado día 13.
Segundo informou o Parlamento, esta é a proposta de calendario que trasladará Santalices á Mesa e a Xunta de Portavoces, que se reunirán o vindeiro luns, 25 de marzo, para dar comezo aos trámites propios do inicio da XII lexislatura.
En base a este calendario, as consultas de Santalices cos portavoces dos distintos grupos parlamentarios para a candidatura á Presidencia da Xunta, que corresponde a Rueda tras gañar o PPdeG as eleccións por maioría absoluta, celebraríanse o martes 2 de abril.
A proposta que o presidente do Parlamento trasladará á Xunta de Portavoces está condicionada polos prazos que fixa o Regulamento da Cámara para a constitución dos grupos parlamentarios, que é de cinco días hábiles a partir da sesión constitutiva, celebrada onte mesmo no Pazo do Hórreo. Tamén do prazo para a constitución das distintas comisións parlamentarias, que é de dez días. O calendario previsto fixa a configuración destes órganos para o luns 1 de abril.
Será xa o xoves, día 4, cando se volvan a reunir a Mesa e a Xunta de Portavoces para coñecer a proposta de candidato á Presidencia da Xunta, ordenar o debate de investidura e acordar a asignación de escanos.
A semana seguinte, o martes 9 de abril, é a exposta para o inicio do debate de investidura coa presentación do programa de goberno por parte do candidato, neste caso Alfonso Rueda. Dous días despois, como establece o Regulamento, terán lugar as intervencións dos grupos parlamentarios e as respostas por parte de Rueda, antes de proceder á votación na que resultará elixido presidente da Xunta, xa que conta cunha maioría absoluta de 40 escanos.
A toma de posesión de Rueda celebrarase o sábado 13 de abril, tras o que xa poderá proceder ao nomeamento do seu novo Goberno. Finalmente, o martes 16 de abril, procederase á sesión solemne de apertura da XII lexislatura no Parlamento de Galicia.