O Día do Melanoma lembra a importancia da protección solar e das revisións periódicas
O Día do Melanoma lembra a importancia da protección solar e das revisións periódicas
A incidencia deste tipo de cancro de pel dobrouse na última década
Trátase do cancro de pel máis agresivo, cunhas 900 mortes ao ano
O seu diagnóstico precoz fai que a súa supervivencia sexa case do cen por cento
Segundo a Sociedade Española de Oncoloxía, este ano diagnosticaranse en España preto de 7.500 casos novos de melanomas. A incidencia deste tipo de cancro de pel dobrouse na última década. No día mundial desta doenza, os expertos insisten na importancia de protexerse axeitadamente do sol e facer revisións periódicas.
A Masa saíulle unha mancha na pel hai dous meses. É un dos síntomas de alerta, segundo os dermatólogos, para acudir a consulta. Falan da regra ABCDE.
"A de asimetría, B dos bordes irregulares, C se ten varias cores a mancha, D de diámetro se son máis grandes de 6 milímetros e a E de evolución", explica Ignacio Suárez, dermatólogo do CHUO.
A incidencia deste tipo de cancro foi a máis nos últimos anos. A exposición ao sol é un dos principais factores de risco.
"Hai 20 ou 30 anos que non se utilizaba tanta protección solar e estamos vendo agora eses melanomas que se xestaron naquel momento, una taxa que se está incrementando en todos os países occidentais", comenta Ignacio Suárez, dermatólogo do CHUO.
É o cancro de pel máis agresivo, provoca ao ano unhas 900 mortes, pero o seu diagnóstico precoz fai que a súa supervivencia sexa case do cen por cento. Por iso os expertos insisten nas revisións periódicas e en protexerse correctamente do sol.