O encontro Diabetes Evolution aborda na Coruña as novidades sobre a diabetes tipo 1
O encontro Diabetes Evolution aborda na Coruña as novidades sobre a diabetes tipo 1
Cada ano diagnostícanse arredor de 1.500 novos casos en menores de 15 anos
A incidencia da diabetes xuvenil duplicouse nos últimos 20 anos
Cada ano diagnostícanse en España arredor de 1.500 casos novos de diabetes tipo 1 en menores de 15 anos. Profesionais sanitarios, pacientes e familias reuníronse no Diabetes Evolution, un encontro dedicado a abordar as innovacións terapéuticas e os avances tecnolóxicos que facilitan o manexo diario desta enfermidade.
Acudiu á cita, Iria Gómez Touriño, que lidera a primeira investigación galega sobre diabetes tipo 1. Desenvólvese no CIMUS da Universidade de Santiago e estuda os mecanismos moleculares que provocan a enfermidade.
"En concreto buscamos que moléculas producen as células do páncreas, as células beta, e como o sistema inmunitario as recoñece crendo que é unha célula estraña e por iso decide matalas".
A fundación estadounidense para o estudo da diabetes xuvenil financia cun millón de dólares este proxecto, que contribuirá de forma significativa ao deseño de novas inmunoterapias.
Sobre innovacións terapéuticas fálase no encontro Diabetes Evolution. Tamén sobre a importancia da tecnoloxía para o control da enfermidade, con sistemas que integran a bomba de insulina e os sensores de glicosa. Así o explica a xefa de endocrinoloxía do CHUAC, Teresa Martínez Ramonde:
"Levan incorporados uns algoritmos co que é o propio sensor o que lle vai dando ordes á bomba e lle vai dicindo que ten que facer en cada momento. Co cal, a calidade de vida dos pacientes mellora unha barbaridade".
Nos países desenvolvidos a incidencia da diabetes tipo 1 duplicouse nos últimos vinte anos. En Galicia, as persoas diabéticas contan coa aplicación Sergas Diabetes, que, entre outras funcións recolle e traslada aos profesionais sanitarios toda a información dos medidores de glicosados pacientes.
A app continúa incorporando novas prestacións, como comenta o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña:
"Ten sistemas de alerta tamén para avisar aos pacientes ou ao seu coidador de algún valor anormal. En definitiva, o que fixemos foi adaptar a nosa filosofía da aplicación a esa evolución continua e permanente que fai a diabetes e que é tan boa para os pacientes e para o sistema sanitario".
Cada ano diagnostícanse en España arredor de 1.500 casos novos de diabetes tipo 1 en menores de 15 anos.